latifundio

latifundio

(

s m [XEOG]

Explotación agraria de grandes dimensións. Tradicionalmente na Península Ibérica considéranse latifundios as explotacións agrarias de máis de 250 ha, mentres que no resto dos países da Unión Europea xa o son desde as 100 ha. Os latifundios, importantes desde o punto de vista da estrutura da propiedade, foron revalorizados polo desenvolvemento técnico moderno, pois permiten un cultivo intensivo, con produtividade elevada, que os fai máis rendibles ca as pequenas explotacións dentro do sistema capitalista. Os latifundios abundan nos países en vías de desenvolvemento, onde os grandes propietarios rurais teñen aínda un papel predominante dentro das formacións sociais. En Iberoamérica, onde perduraron, como herencia da colonización, a excepción de estados como México, Bolivia e Chile, que fixeron, en certa maneira unha reforma agraria, os latifundios orixinan unhas propiedades explotadas por unha multitude de campesiños pobres. Ao mesmo tempo, tampouco se permite aos propietarios nin a mínima acumulación de capital, tanto para mellorar a propia explotación, como para investir noutros sectores da produción. A carón destes latifundios tradicionais, desde o s XIX establecéronse en Latinoámerica e noutros países da zona intertropical as plantacións, que responden a unha forma capitalista de produción en grandes extensións. O feito de que sexan propietarios estranxeiros, por unha banda, e de que os salarios sexan sempre baixos, por outra, fai que a súa repercusión dentro do sistema económico de cada país non sexa nunca favorable. Na Península Ibérica os latifundios predominan nas rexións de secaño meridionais, e aínda que nas últimas décadas se puxeron en marcha medidas de reforma agraria por parte dos gobernos autónomos, continúa habendo grandes extensións de ermos e garrigas, aínda con finalidades cinexéticas ou suntuarias, ou ben de estricto monocultivo, o que fai que aínda estea vixente a estacionalidade e a precariedade do emprego dos traballadores agrarios.