Laza

Laza


Concello da comarca de Verín, situado no centro-leste da provincia de Ourense e no extremo SL da Comunidade Autónoma de Galicia (latitude 42° 03’ 30” N - lonxitude 7° 27’ 30” O). Limita ao N cos concellos de Montederramo (Terra de Caldelas) e Chandrexa de Queixa (Terra de Trives), ao S cos concellos de Monterrei e Castrelo do Val (Verín), ao L con Vilariño de Conso (Viana) e Castrelo do Val e ao O con Vilar de Barrio e Sarreaus (A Limia) e co de Cualedro (Verín). Abrangue unha superficie de 215,9 km 2, cunha poboación de 1.683 h (2007), distribuída nas parroquias da Alberguería, Camba, Carraxo, O Castro de Laza, Cerdedelo, Laza, Matamá, Retorta, Toro e Trez. A capital é Laza, situada a 63 km de Ourense e a 175 km de Santiago de Compostela. Está adscrito á diocese de Ourense e ao partido xudicial de Verín.
Xeografía física
O concello de Laza aséntase nunha área montañosa, especialmente no seu sector N e NL, onde se erguen as serras de San Mamede, Fial das Corzas e Invernadeiro, sendo esta última un espazo natural protexido. Nelas están as maiores cotas do concello, que se atopan entre as máis elevadas de Galicia: Cazcallal, 1584 m; Pozo Negro, 1.516 m; Gancedo, 1.445 m; Collado da Viduela, 1.444 m; Collado da Aceveda e Baroncello, 1.412 m; Cabeza de Lombo Grande, 1.369 m; Louredo, 1.355 m e alto dos Cregos, 1.324 m. AO S e SO tamén aparecen cordais montañosos significativos, quedando o centro do concello nunha depresión formada polo val do río Támega, onde se asentan os principais núcleos de poboación do concello. Os caracteres climáticos non son uniformes no conxunto municipal, pois nas áreas máis montañosas aparece un típico clima de montaña, cuns invernos fríos e húmidos e veráns sensiblemente secos con días calorosos e noites frescas. A temperatura media anual é moi baixa (9°C), mentres que a invernal descende por debaixo dos 3°C en decembro e xaneiro. Pola súa banda, nos meses máis cálidos do verán, xullo e agosto, non se superan a penas os 16°C de media, cunha forte amplitude térmica diaria, pois as máximas poden chegar a 30°C e a mínima nocturna descender a 2°C ou 1°C. As precipitacións son elevadas (1.700 mm) cun máximo invernal moi acusado (42% das chuvias). O número de xornadas anuais con precipitacións sitúase ao redor de 120, das que unhas 20 son de neve. Pola súa banda, o val do Támega pode inserirse dentro do clima oceánico húmido e dentro dos subtipos galegos do interior na variedade das depresións de matiz frío, caracterizándose por uns notables efectos de continentalidade como consecuencia do seu afastamento do océano, que se materializa nunha temperatura media anual bastante baixa (10,5°C), un inverno frío (4,5°C en xaneiro) e un verán con medias moi suaves (agosto, 17,8°C) debido á forte amplitude térmica diaria. As precipitacións descenden ata os 1.000 mm e presentan, como nas áreas de topografía máis elevada, un forte máximo invernal (37% das chuvias). O sector de terras baixas aparece drenado polo río Támega e toda unha serie de afluentes, como os de Carraxó, Souteliño e Barcelo pola dereita, e os de Portos, Barxa, Avilleira, Trez e Correchouso pola esquerda. Outros ríos que atravesan o concello son o Camba e o Edreira. Todo este sector central, situado a unha altitude media que supera os 600 m, aparece recuberto por aluvións de orixe terciaria e cuaternaria que na súa área máis meridional pertencen xa ao val de Monterrei.
Xeografía humana
A poboación de Laza sufriu un drástico descenso dos seus efectivos humanos desde o primeiro censo moderno, o de 1887, cando contaba con 4.802 h ata os menos de 2.000 da actualidade (2001). Aínda que esta reducción foi case continua, non tivo a mesma intensidade ao longo do s XX. Así, de 1887 a 1930 a diminución demográfica foi do -0,26%, pois deixouse sentir o primeiro movemento emigratorio galego cara a Ultramar. A crise económica internacional derivada do desmoronamento bolsista de Wall Street en 1929, xunto coa contenda bélica civil, cortaron as saídas exteriores e Laza viviu a única etapa de crecemento demográfico dos últimos 115 anos, o período intercensual 1930-1940, durante o que a súa poboación medrou a un ritmo do 0,95% anual. Pero ese incremento demográfico supuxo problemas para manter á poboación debido ás duras condicións climáticas, á escaseza de recursos económicos e ás limitacións do seu espazo produtivo. Deste xeito, diante das novas posibilidades de emigrar, moitos habitantes do concello abandonárono a partir de 1940, primeiro a un ritmo moderado (-0,47% anual ata 1960) e logo de maneira máis acusada cando se abriu a vía europea de saída (-2% ao ano entre 1960 e 1970) e, sobre todo, a española (-2,62% anual entre 1970 e 1981). Desde 1981 ata 2001 diminuíu o crecemento, aínda acusado (-1,14%). O descenso continuou nos primeiros anos do s XXI a un ritmo do 11,6% entre 2001 e 2007. Este descenso é consecuencia do elevado saldo vexetativo (2006) negativo (-16,7‰), consecuencia dunha mortalidade (17,9‰) moi alta debido ao extremado avellentamento pola emigración e á moi baixa natalidade (1,2‰). Así, as persoas de 65 e máis anos son o 43,4% da poboación, mentres que os menores de 20 só supoñen o 7,6%; o grupo intermedio representa o 49%. A desproporción por sexos é cativa en favor das mulleres (50,50%), inusual tendo en conta a extremada senectude e a maior esperanza de vida feminina, pero esta circunstancia vese compensada por unha tradicional maior emigración feminina diante das escasas posibilidades de promoción laboral e das fortes cargas de traballo no campo. O poboamento caracterízase por unha concentración da poboación en núcleos compactos, en aldeas bastante pechadas.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Laza é do 32,5% (42,1% a masculina e 23,3% a feminina); a taxa de ocupación é do 25,5% (32,1% a masculina e 19,2% a feminina) e a taxa de paro é do 21,4% (23,6% a masculina e 17,5% a feminina). A economía do concello estaba ata hai moi pouco tempo baseada no aproveitamento dos recursos do sector primario. Así, no censo de 1991 máis do 30% dos ocupados desenvolvían o seu labor nas actividades agrícola-gandeiro-silvícolas e, na actualidade, xa non supoñen máis có 19,4%. Esta rápida reducción hai que relacionala por unha banda co extremado avellentamento, que fai que moitas persoas que antes se dedicaban ás tarefas agrarias agora vivan dunha pensión e tan só complementen as súas rendas practicando agricultura a tempo parcial para autoconsumo. Por outra banda, moitos homes abandonaron a actividade agraria para integrarse na construción (23%) pouco cualificada, traballando en diversos lugares da comarca, especialmente en Verín. A chegada das pensións de xubilación supón o auténtico motor económico local. A industria non conta a penas con ningunha significación (10,4% dos traballadores), aínda que noutros tempos foi bastante notable debido á produción de carbón vexetal e curtidos. A pequena taxa de actividade favorece que os servizos concentren boa parte do emprego (47,2%), debido ás actividades terciarias, que centraliza a vila capital. Non conta con ningunha vía de comunicación da rede principal, e existe só unha modesta estrada que une a vila de Laza con Castrelo do Val, e queda o resto do concello cun nivel de comunicacións moi deficiente. A liña de ferrocarril Ourense-Zamora atravesa o concello, e conta cunha estación, a de Cerdedelo.
Historia
As terras foron poboadas polos tamaganos. Entre os restos da época castrexa destaca o castro de Laza, e entre os restos romanos destacan os de Retorta, que se dedicaron á explotación de minerais. O antigo Laza estivo baixo o dominio do conde de Monterrei, concretamente nas parroquias de Castro, Cerdedelo, Campo de Becerros, Retorta e Laza. No resto dos cotos e freguesías tiña o dominio o conde de Moctezuma, marqués de Tenebrón, onde despois foi a parroquia de Trez. Sobre o couto xurisdiccional de Alberguería, tiña o poder o Arcediago de Varonceli, da catedral de Ourense. O concello actual xurdiu da división municipal de 1835, tras unificarse os tres que se crearan tralas Cortes de Cádiz, Laza, Castro de Laza e Cerdedelo.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos castrexos destacan a igrexa de Santa María de Retorta, construída en estilo gótico a comezos do s XIV, a igrexa de San Xoán de Laza, cunha torre rematada en capitel, e a igrexa de San Pedro do Castro de Laza (s XVIII). Do seu patrimonio natural destacan os espazos do Macizo Central e do Río Támega, declarados Lugares de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Entre as festas que se celebran destaca o Entroido, declarado de Interese Turístico, coas celebracións do Gran Folión, o venres de entroido, coa elaboración e alumeado dos fachóns, o domingo, coa primeira saída dos peliqueiros, o luns coa farrapada e a saída do maragato, e o martes de entroido, cando saen de novo os peliqueiros. Ademais celébrase a representación dos danzantes Adán e Eva e o Auto do Sacrificio de Isaac a comezos de maio, as festas de Santo Antonio en Retorta e Trez e as festas de mouros e cristiáns, o 25 de xullo.

Datos de poboación (2007)

Provincia OURENSE
Comarca Verín
Extensión 215 Km2
Poboación Total 1683 h
Poboación Homes 833 h
Poboación Mulleres 850 h
Densidade de poboación 7.83 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias