leninismo
(< antropónimo V. I. Lenin)
Conxunto de doutrinas e posicións políticas baseadas na obra de V. I. Lenin, ou que invocan esta como fundamento, neste caso é máis coñecido como marxismo-leninismo. Entre outros elementos, o leninismo caracterizouse por rexeitar o principio defendido por K. Marx, polo que o comunismo só chegaría cando o capitalismo acadase o seu completo desenvolvemento e as súas contradicións internas provocasen a súa disolución. Fronte a este principio, o leninismo aproveitou o momento histórico e tomou o poder apoiándose no partido bolxevique. Ademais atacou o imperialismo, ao que consideraba unha nova fase do capitalismo en que a oposición entre as clases traballadoras se trasladaba ao ámbito internacional. Polo tanto defendeu as loitas de liberación nacional contra as potencias dominantes co fin de establecer estados socialistas nas colonias. Os seus partidarios, agrupados en partidos comunistas, formaron a Terceira Internacional e organizáronse de xeito vertical e xerárquico.