Libro de Horas de Fernando I
Libro de Horas de Fernando I
[LIT]
Códice visigótico copiado para os reis Fernando I e Sancha de Castela e León en 1055. Trátase dun manuscrito conservado na Biblioteca da Universidade de Santiago de Compostela, aínda que a súa procedencia sexa posiblemente de San Martiño Pinario. Pedro foi o copista e Fructuoso fixo a iluminación seguindo o estilo da escola leonesa do s X, que se caracterizaba pola súa inxenuidade e encanto. A calidade das ilustracións, incluída a pintura cortesá que retratou os reis recibindo o libro, fixeron deste un exemplar moi apreciado polos estudiosos da arte. O seu nome variou ao longo do tempo desde o de Diurno de Fernando I ata o de Libro de Horas de Fernando I. Formado por 226 folios, sufriu a perda de varios deles e sucesivas restauracións.