liceo

liceo

(

  1. s m [HIST/FILOS]

    Campo en que se realizaban paradas militares, na antiga Grecia, situado ao L de Atenas, ao pe do Licabeto e preto do santuario de Apolo Liceo. Pericles fundou alí un ximnasio que, máis tarde, foi sede da escola peripatética de Aristóteles (335 a C). Filipo V de Macedonia destruíuno e o nome pasou a designar propiamente a escola filosófica de Aristóteles e, co paso do tempo, os edificios públicos en que se celebraban exercicios literarios e filosóficos.

  2. s m

    Asociación dedicada á promoción social ou cultural que se fundou en Europa ao longo do s XIX, asociada a determinados grupos sociais, profesionais ou políticos. Desde mediados do s XIX detectouse na Galicia urbana un importante movemento asociativo, de carácter recreativo e cultural, que amosou a incipiente diversificación social. Vinculados especialmente a grupos de artesáns e clases medias urbanas, dos numerosos liceos que se crearon en Galicia destacan o Liceo Artístico de Lugo (1867), Liceo Coruñés, fundado en 1846 co nome de Sociedad Artística y Literaria de La Coruña; Liceo de la Juventud de Santiago de Compostela (1847), que foi refundado no antigo convento de Santo Agostiño en 1854; Liceo de Artesanos de Ferrol (1855); Liceo de Vigo (1877); e Liceo Recreo de Artesanos de Ourense (1850).

  3. s m [EDUC]

    Centro educativo de ensino secundario, chamado así nalgúns países como Francia e Italia.