lied*

lied*
s m [MÚS/LIT]

Composición vogal breve, típica dos países xermánicos, de texto xeralmente estrófico. De carácter relixioso ou profano, pode ter acompañamento musical. O lied monódico dos minnesänger converteuse en polifónico a partir do s XIV, ata o XVII. Desde 1750, algúns autores da chamada escola de Berlín cultivaban o lied a unha soa voz con acompañamento instrumental. Recuperaron a canción popular (Volkslied) e convertérona nunha composición culta (Kunstlied). Ludwig van Beethoven, Franz Schubert e os seus continuadores (R. Schumann, J. Brahms, R. Strauss, J. Wolf e G. Mahler) anovaron o xénero e musicaron as creacións líricas dos poetas máis importantes da época. O lied converteuse así nunha refinada conxunción de poesía e música que é unha das consecucións máximas do romanticismo e da creación artística. Por extensión, a partir do s XIX, déuselle o nome de lieder ás cancións cultas da maioría de países occidentais.