limpafontes

limpafontes
  1. s m [ANIMAL]

    Anfibio urodelo de pequeno tamaño, corpo alongado con extremidades pequenas e cola aplanada lateralmente. A pel é aveludada cando está na terra e lisa cando está na auga. Os machos distínguense das femias polo tamaño, xa que estas son máis grandes, pola crista e tamén pola forma da cloaca, que é esférica e forma un avultamento mamelón cloacal no caso deles, e apuntada no delas. Coma todos os anfibios, teñen substancias na pel que poden ser irritantes, por iso, xeralmente, teñen unha coloración aposemática que o indica. Aliméntanse de pequenos artrópodos, anélidos ou lesmas, que localizan polo olfacto e pola vista.

    Sinónimos: pintafontes.
  2. limpafontes común [ANIMAL]

    Urodelo pequeno de ata 95 mm de lonxitude, cabeza máis longa que ancha con fociño redondeado e glándulas paratiroides ben diferenciadas, ollos pequenos, prominentes e en posición lateral, co iris dourado ou laranxa, cunha banda lonxitudinal escura no centro. Corpo de sección redondeada, coas patas anteriores con catro dedos e as posteriores con cinco. Son de cor parda amarela, olivácea ou marrón con manchas máis escuras e unha liña vertebral máis clara. É un endemismo ibérico distribuído pola metade occidental da Península. En Galicia é común e abondoso, pero máis limitado pola altitude que outros urodelos. Chega aos 1.600 m en Pena Trevinca, 1.200 m e nas serras dos Ancares e Courel e 700 m na do Xistral. Atópase nas illas de Arousa e Ons.

  3. limpafontes palmado [ANIMAL]

    Urodelo de ata 85 mm de lonxitude, con fociño redondeado, lixeiramente truncado, ollos relativamente pequenos e laterais. Presenta unha banda escura desde o orificio nasal ata o ollo que pode prolongarse polo pescozo. O corpo é de sección redondeada ou cuadrangular, sen crista vertebral ou moi baixa. Presentan catro dedos os membros anteriores e cinco os posteriores. É de cor parda amarelenta, olivácea ou marrón, con ou sen manchas escuras que, de existir, poden formar un reticulado conspicuo. Ocupa unha gran variedade de hábitats, pódense atopar tanto no fondo das charcas como entre a vexetación acuática. En Galicia é común no norte e especialmente raro no SL. Atópase ata 1.700 m na serra dos Ancares e 800 m na do Xistral. Considérase que as poboacións galegas pertencen á subespecie T. h. alonsoi caracterizada polo seu pequeno tamaño, menor pigmentación e algunhas diferencias nos caracteres secundarios dos machos en celo.

  4. limpafontes verde [ANIMAL]

    Urodelo de ata 160 mm de lonxitude, cabeza aplanada, con fociño redondeado, ollos laterais tralos que aparecen as glándulas paratiroides ben diferenciadas. Presenta unha pregadura angular moi patente entre a cabeza e o corpo. É de sección redondeada ou algo aplanado lateralmente con membros longos cos dedos tamén alongados e coa cola rematada en punta. O deseño dorsal consiste nun fondo verdoso máis ou menos intenso, sobre o que aparecen manchas de tamaño variable. Habita en gran variedade de medios húmidos, ocupa a metade norte da Península Ibérica e Francia. En Galicia é común, sen preferencias xeográficas definidas, aparece ata os 1.700 m en Pena Trevinca, 1.600 m na serra dos Ancares e 800 m na do Xistral.

Palabras veciñas

limpadoira | limpador -ra | limpadura | limpafontes | limpar | limpaúñas | limpaúnllas