lípido
(< gr λίπος‘substancia gorda’ + -ido)
Composto orgánico constituído por carbono, hidróxeno, osíxeno, un éster de alcohol e un ou máis ácidos graxos. Os lípidos poden ter tamén outros constituíntes na súa molécula (ácidos fosfóricos, ácido sulfúrico bases nitroxenadas e azucres). Caracterízanse por ser insolubles en auga e solubles en solventes orgánicos apolares. Os lípidos simples só conteñen carbono, osíxeno e hidróxeno, e comprenden os ésteres dos esterois (o máis coñecido é o colesterol) e os triglicéridos, denominados graxas ou ceras, se son sólidos a temperatura ambiente, e aceites, se son líquidos a temperatura ambiente. Os lípidos complexos conteñen, ademais, outros elementos e denomínanse en xeral lípidos. Comprenden os fosfolípidos, os esfingolípidos e os glicolípidos. Realizan funcións estruturais (forman parte das membranas celulares), de illamento (nos animais homeotermos permiten illar das baixas temperaturas, e nas neuronas son illantes eléctricos -mielina- e favorecen a transmisión do impulso nervioso) e de almacenamento (constitúen unha das formas máis ricas en enerxía da alimentación). A deposición patolóxica de lípidos nas paredes das arterias intervén na produción dun ateroma.