litoloxía
(< lito- + -loxía)
-
s
f
[XEOL]
Rama da xeoloxía que estudia as características físicoquímicas das rochas, así como as condicións baixo as que se formaron. A litoloxía e a mineraloxía comezaron sendo ciencias de observación dedicadas ao estudo das propiedades ópticas das rochas e minerais (cor, brillo, dureza ou tamaño dos grans). A ansia investigadora dos humanistas dos ss XV-XVI foi a que fomentou o desenvolvemento das denominadas Ciencias da Terra. A xeoloxía, estudo da orixe das rochas e da súa disposición, non sería abordada en profundidade ata finais do s XVII, aínda que importantes precursores como Bernard Passily ou Leonardo da Vinci iniciaron o estudo de fósiles mariños. O extraordinario desenvolvemento da química desde comenzos do s XIX permitiu definir con claridade as nocións de rocha e de especie mineral, feito que fixo posible unha clasificación racional dos tipos de rochas e dos seus compoñentes. A aparición de novas técnicas de análise no laboratorio (raios-X, novos métodos de difracción ou a microsonda eléctrónica) revolucionou a metodoloxía e as formulacións teóricas da litoloxía e das ciencias naturais en xeral. En Galicia, ata finais do s XIX e comenzos do XX os traballos de caracterización físico-química das rochas foron moi escasos e estiveron sempre vinculados ao desenvolvemento das actividades mineiras. O labor científico de Isidro Parga Pondal supuxo non só un enorme avance nas investigacións centradas no estudo da litoloxía galega e peninsular, senón tamén unha mellora substancial da cartografía xeolóxica de Galicia que existía ata o primeiro cuarto de século. A nivel xeral, os litólogos definen tres grandes conxuntos de rochas presentes na codia terrestre: as rochas ígneas -ou magmáticas-, as sedimentarias e as metamórficas. Desde o punto de vista litolóxico, o espazo que actualmente ocupa o NO peninsular presenta unha certa individualidade con respecto aos seus contornos, debido fundamentalmente á antigüidade dos seus materiais que, en gran parte, permaneceron emerxidos durante o período Cámbrico (hai uns 650-660 millóns de anos) fronte aos territorios adxacentes, somerxidos baixo as augas mariñas e que, nese momento, actuarían como cubetas de sedimentación. A longuísima e complexa evolución posterior do sector suporía varias fases de erosión--sedimentación e de intrusións magmáticas de diversa índole que, en moitos casos, sufriron un ou varios procesos de metamorfización, dando lugar á existencia dunha litoloxía orixinal e moi contrastada. Na actualidade, os materiais do substrato que conforman o territorio galego adóitanse clasificar en seis unidades litolóxicas fundamentais: xistos, rochas básicas, granitos, a formación denominada ollo de sapo, rochas sedimentarias pouco metamorfizadas e depósitos sedimentarios recentes sen consolidar. As rochas xistosas constitúen un dos dominios litolóxicos máis extensos de Galicia, ocupando gran parte da área central. Forman unha banda de anchura irregular que se estende en dirección N-S desde a ría de Ferrol ata as proximidades de Bande, na provincia de Ourense, cunha importante presenza nas terras de Ordes, Arzúa, Santiago de Compostela ou Lalín. Os xistos constitúen rochas de gran compacidade, formadas por grans finos e con tonalidades grises escuras. Non obstante , a pesar da súa aparente homoxeneidade, dentro deste conxunto atopánse variedades xistosas de grande interese petrográfico, como os xistos micáceos granatíferos que afloran no sector meridional da comarca de Ordes. En conxunto, o denominado complexo de Ordes ou Grupo Occidental, segundo Parga Pondal, foi a máis estudiada, xa que constitúe unha formación moi orixinal que abrangue rochas xistosas cun grao de metamorfismo xeralmente baixo e que sufriron unha recristalización durante a oroxénese herciniana. Pola súa banda, o conxunto de rochas básicas presenta unha maior dispersión espacial, formando pequenos afloramentos ben diferenciados a ambos os dous lados do complexo de Ordes, que penetran no interior da provincia de Pontevedra alcanzando o mar, ou no sector da Capelada, composto por rochas ultrabásicas. A práctica totalidade do sector occidental de Galicia está composta por rochas intrusivas, das que destaca o granito. Dentro desta unidade litolóxica os xeólogos diferencian os granitos antigos -antehercinianos- e os hercinianos. Os primeiros atópanse no denominado complexo antigo, entre Malpica e Tui, e tamén nalgúns sectores dos complexos de Ordes e de Lalín, mentres que os granitos máis recentes abranguen unha maior extensión en Galicia. Xeralmente estes últimos divídense en dúas grandes series: a dos granitos e granitoides alcalinos, onde os granitos de dúas micas son os máis representativos, con importantes afloramentos nos macizos do Barbanza e en Lalín; e a serie dos granitos e granitoides calcoalcalinos que non amosa unha ligazón directa co metamorfismo rexional, comprendendo granodioritas, granitos ou cuarzodioritas que adoitan presentar un maior contido en biotita. No sector centro-oriental de Galicia, nunha estreita banda que se estende entre a illa Coelleira, na costa cantábrica, ata o SL, continuando por terras de Castela e León, atopamos a formación ollo de sapo, denominación que fai referencia á súa superficie rugosa, con megacristais de cuarzo de formas bulbosas que quedan en resalte. Teñen unha formación moi antiga, do Precámbrico Inferior. As rochas sedimentarias e pouco metamorfizadas (cuarcitas, areniscas ou calizas) alcanzan o seu maior desenvolvemento na Galicia oriental, nun claro contraste co sector occidental de predominio das rochas intrusivas, xeralmente de maior antigüidade. Dentro desta unidade destacan algunhas formacións, como a de Cándama, que pertence ao Cámbrico Inferior e está composta por carbonatos e xistos cun baixo grao de metamorfismo, e os flysh cara ao S da provincia de Lugo. Finalmente, os materiais non consolidados (areas, margas, arxilas e gravas) localízanse fundamentalmente nas concas do interior de Galicia (Meirama, Tui, Monforte, Maceda, a Terra Chá e Monterrei), nos vales fluviais e, mesmo, nas grandes enseadas do litoral. Son materiais sedimentarios que se acumularon nestas áreas desde o Mioceno (Terciario) ata a época actual.
-
s
f
[MED]
Parte da medicina relativa aos cálculos e ás concrecións.