locus amoenus*
Motivo literario propio da literatura bucólica e da poesía amorosa en xeral, que constitúe desde a literatura clásica ata o s XVI o tema central de todas as descricións da natureza. Alude a unha paraxe fermosa e sombría que ten como elementos esenciais árbores, prados e fontes ou regatos, ademais do acompañamento das aves cantoras, das flores e da brisa. Este tópico, que se remonta á poesía bucólica de Teócrito e Virxilio, foi retomado polos poetas cristiáns a partir de Draconcio e Avito, que tentaron transformar o locus amoenus pagán nun paraíso terrestre cristián. De xeito semellante, a épica filosófica de finais do s XII desenvolveuno baixo varias formas de paraíso e mesmo tentou transformalo nunha auténtica cosmoloxía. Na lírica trobadoresca acostuma integrarse no exordio, sobre todo ligado ao argumentum a tempore nos casos en que se presenta a chegada da primavera como estación que convida ao amor. Os trobadores provenzais non adoitan presentar unha descrición detallada deste escenario, pero dosifican a presenza de trazos caracterizadores. É frecuente nas cantigas de amigo galego-portuguesas mentres que nas de amor e nas de Santa María só aparece ocasionalmente.