longobardo -da

longobardo -da

(< lat longobardus)

  1. adx

    Relativo ou pertencente ao pobo longobardo ou á súa lingua.

  2. s [ETN/HIST]

    Individuo do pobo longobardo.

  3. s m pl [ETN/HIST]

    Pobo xermánico que procedía do baixo Elba. Mantiveron contactos co Imperio Bizantino pola ruta comercial Báltico--Adriático e adoptaron como relixión o cristianismo ariano (489). Experimentaron un proceso de centralización liderado por unha monarquía militar. Trasladáronse cara ao SL e establecéronse en Panonia (526-546), onde se uniron a outros elementos bárbaros que procedían da disgregación do imperio de Atila, e convertéronse en xinetes seminómades. Empregados por Xustiniano na guerra contra os ostrogodos, a presión dos ávaros forzou o Rei Alboino (568-572) a emprender a invasión de Italia. A súa expedición integraba elementos de diversa orixe, como búlgaros, sármatas, panonios, suevos e nóricos, organizados en grupos nobiliarios cos seus exércitos. Conquistaron Aquilea ese ano e, despois da conquista de Pavia (572), fixéronse co dominio da chaira do Po. Instalaron a capital en Pavia e organizaron o territorio segundo os modelos da sociedade longobarda: un agrupamento de fares, similar á gens romana e capitaneados por un duque, e o exercitus, que se encargaba da administración de cada novo ducado. Despois do asasinato do Rei Alboino, produciuse un baleiro de poder real que se prolongou durante dez anos mentres os grupos nobiliarios culminaban a súa expansión. O asentamento dos longobardos reforzou o poder dos duques e outros nobres, que se fixeron coas propiedades de diversos membros da nobreza senatorial romana. O perigo dunha nova intervención franca e a ameaza militar bizantina forzaron os duques a elixir un novo rei, Autario (584-590). Sucedeuno Axilulfo (590-616), que consolidou e estendeu os dominios longobardos pero fracasou no intento de tomar Roma (593). As leis longobardas foron codificadas e recollidas por Rotario (636-652), no edicto de Rotario, de carácter territorial, que amosaba a homoxeneidade social e cultural do reino. En 774, Carlomagno puxo fin ao reino longobardo de Italia.

  4. s m [LING]

    Lingua do grupo xermánico occidental que falaba o pobo longobardo.