Lugo, provincia de

Lugo, provincia de

Circunscrición administrativa de España, unha das catro en que se divide a Comunidade Autónoma de Galicia, situada no cuadrante NL. Integrada por 67 concellos (2001) agrupados en 13 comarcas (A Mariña Occidental, A Mariña Central, A Mariña Oriental, Terra Chá, Meira, A Fonsagrada, Lugo, A Ulloa, Os Ancares, Sarria, Chantada, Terra de Lemos e Quiroga), abrangue unha superficie de 9.856 km2, en que acolle unha poboación de 357.648 h (2001). A súa capital é Lugo. Eclesiasticamente, o seu territorio repártese entre as dioceses de Lugo e Mondoñedo-Ferrol.
Orixe e delimitación da demarcación
Lugo foi xa capital dunha das provincias do Reino de Galicia. Esta condición mantívoa durante as sucesivas reformas administrativas, tanto a de Xosé I Bonaparte cando foi sede de prefectura, como as que en 1822 e 1833 configuraron a actual división administrativa española. O nacemento da actual provincia de Lugo data do 27 de xaneiro de 1822, coa promulgación dun Real Decreto, cando se constituíu a nova provincia de Lugo, que incluía territorios das antigas provincias de Lugo, Mondoñedo e Ourense. Nesta reforma, Mondoñedo quedou relegada, ao perder as súas funcións administrativas, a un pequeno núcleo onde o poder clerical deixaba sentir a súa influencia sobre unha sociedade profundamente conservadora e oposta aos liberais. Baixo unha ideoloxía liberal centralista e uniformizadora, o goberno beneficiou á cidade de Lugo pola maior ascendencia dos ideais liberais na burguesía local, e reforzou o seu poder grazas á incorporación dos territorios da Mariña. Non obstante , en novembro de 1823 o Rei Fernando VII, co apoio dun exército expedicionario francés dirixido polo duque de Angulema (os Cen Mil Fillos de San Luís), decretou a derrogación da Constitución e a restauración do Antigo Réxime, co que se suprimiu a nova administración provincial. O 30 de novembro de 1833, tras un novo cambio de réxime propiciado polo pasamento do Rei Fernando VII, estableceuse definitivamente a provincia de Lugo, sen que desde entón se produciran alteracións nos seus límites; determinados ao S polo leito do río Sil; ao O, polo conxunto de serras da Dorsal Occidental Galega (serra da Coriscada, serra da Faladoira, serra da Loba, cordal de Montouto, serra da Cova da Serpe, serra do Careón, serra do Farelo e serra do Faro); ao N, polo Mar Cantábrico, e ao L, polas serras orientais (serras do Courel e Os Ancares) e o curso do río Eo.
Xeografía física
O litoral lucense pode dividirse en tres sectores claramente diferenciados, un situado ao L, que se estende entre a ría de Ribadeo e a de Foz, e que se prolonga cara ao O na denominada Plataforma Cantábrica, que se caracteriza por unha costa rectilínea en que se dispoñen praias delimitadas por sectores de cantís (Cabalar, As Catedrais, San Pedro). A ría de Foz é un sector costeiro onde son frecuentes os esteiros e os areais que dan paso, cara ao O, a un novo e extenso sector en que a plataforma desaparece interrompida por serras perpendiculares á liña costeira. Algúns accidentes significativos son o cabo Burela, o cabo San Cibrao e a punta das Cabras. Neste sector, as praias son menos frecuentes e de reducidas dimensións, destacan algúns illotes como O Ansarón ou Os Farallóns. No O, o terceiro sector, vai desde punta Roncadoria ata a desembocadura do río Sor. É o sector mais recortado e accidentado, destacan as rías de Viveiro e a do Barqueiro, orixinadas pola invasión das augas mariñas nos vales dos ríos Landro (Viveiro) e Sor (O Barqueiro). Xeoloxicamente, o territorio que constitúe esta provincia é na súa maior parte precámbrico, ademais, depósitos sedimentarios terciarios e cuaternarios (arxilas, areas e conglomerados) cobren amplas extensións de Terra Chá e o fondo das depresións de Lemos e Sarria. Litoloxicamente, predominan as rochas metamórficas (xisto e lousa), destacan algúns sectores graníticos no sector O da provincia. A provincia de Lugo, ao situarse no cuadrante nororiental da Comunidade Autónoma de Galicia, posúe unha variabilidade climática dentro dun contexto marcadamente oceánico. Nesta alternancia climática inflúe decisivamente a disposición do relevo. O sector setentrional, o litoral da Mariña Lucense, está baixo o dominio oceánico húmido que, cara ao S, dá paso a un clima de transición ao oceánico continental que se prolonga ao longo das serras da Dorsal Occidental Galega. As depresións do S da provincia e a meseta lucense están dentro do dominio oceánico continental que, cara ao N e ao L dan paso a un clima oceánico de montaña nas serras orientais e setentrionais galegas. Finalmente, o curso do río Sil e o tramo final do Miño lucense están dentro dun dominio climático oceánico-mediterráneo, grazas á formación de microclimas ao abrigo das montañas que pechan os canóns da Ribeira Sacra. As precipitacións máis abundantes (1.500-2.000 mm anuais) correspóndense ás serras que circundan a meseta lucense. As serras do N da meseta lucense (serras da Cabra, O Xistral e Lourenzá) e a franxa litoral da Mariña Lucense contan con precipitacións menores, ao redor dos 900-1.500 mm anuais, ao situarse ao abrigo dos ventos do SO, o que dá como resultado un moderado descenso das precipitacións aínda que non dos niveis de humidade. Os mínimos pluviométricos correspóndense ao Canón do Sil e ao tramo inferior do Miño lucense, así como ao fondo da depresión de Lemos (700-900 mm anuais) debido á acentuación do efecto pantalla das montañas que os circundan. No tocante ao réxime térmico, as matizacións responden fundamentalmente á altitude media e á orientación. As temperaturas medias anuais acadan os valores máximos na franxa litoral, na depresión de Lemos e en Ribeira Sacra, con valores entre os 13°C e os 14°C; na meseta lucense redúcense a valores ao redor dos 11°C e 12°C; nas serras orientais e setentrionais, así como as que compoñen a Dorsal Occidental Galega os valores son inferiores a 10°C. A rede fluvial céntrase nos grandes colectores que verten ao Océano Atlántico e ao Mar Cantábrico. Os da vertente atlántica están dentro do sistema fluvial Miño-Sil, o primeiro nace na serra de Meira e tras atravesar parte de Terra Chá seguindo unha dirección L-O, muda a outra N-S a partir de Rábade, mentres se encaixa progresivamente. Cara ao Miño diríxense os seus afluentes Ladra, Neira, Ferreira e Sil, mentres que cara ao Sil van o Cabe e o Lor. Cara ao Cantábrico diríxense o Sor, o Landro, o Masma, o Eo e o Navia, todos eles seguindo dirección S-N.
Xeografía humana
Trátase dunha das provincias menos poboadas de Galicia (36,29 h/km2), resaltan os contrastes entre as comarcas da Mariña Lucense e a capital provincial, e o resto da provincia, moito máis despoboada, en especial as montañosas comarcas orientais. A capital provincial xerarquiza a rede de asentamentos da provincia, cunha densidade de 82,3 h/km2, con diferencia, a máis elevada do conxunto provincial. Na cidade de Lugo concéntranse o groso dos servicios de alcance provincial, acolle as delegacións da administración central e da administración autonómica, os servicios fundamentais da Deputacion Provincial e conta cos servicios hospitalarios e educativos de referencia para a provincia. No resto da provincia destacan as vilas de Chantada, Burela, Foz, Monforte de Lemos, Ribadeo, Sarria, Vilalba e Viveiro, núcleos que organizan ao redor dela importantes áreas funcionais. Por comarcas, as principais densidades corresponden ás mariñas, onde se desenvolve unha pequena rede urbana policéntrica, sen existir ningunha vila que destaque entre as demais, o que repercute en que sexan as únicas comarcas, agás a da capital, que reborden a densidade provincial. Pola contra, no L da provincia (Os Ancares, A Fonsagrada e Quiroga) a densidade non chega á terceira parte dos valores provinciais. O crecemento da poboación dos diferentes concellos da provincia amosa un crecemento moi baixo ou negativo, pois entre 1991 e   2001 só incrementaron o número de efectivos demográficos Burela, Lugo, Outeiro de Rei, Ribadeo, Sarria, Viveiro e Xove, reforzouse así o tradicional peso da capital da provincia e da Mariña Lucense no contexto provincial. De entre estes concellos destacan Outeiro de Rei e Sarria, o primeiro sinala unha certa difusión do crecemento da capital lucense cara aos seus concellos veciños, mentres que Sarria se erixe como a única vila do interior que chega a medrar grazas á diversificación de actividades e certa industrialización de carácter endóxeno. Entre os territorios que contan cun comportamento máis desfavorable están concellos como Begonte, Carballedo, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, Muras, Negueira de Muñiz, As Nogais, Ourol, Paradela, Pedrafita do Cebreiro, A Pobra de Brollón, Ribeira de Piquín, Riotorto, Taboada e Trabada, que perderon entre 1991 e 2001 máis da quinta parte da súa poboación.
Xeografía económica
A provincia lucense caracterízase polo peso das actividades agropecuarias, que dominan as comarcas do interior, onde o gando vacún é a principal fonte de riqueza, ben orientado cara á produción de leite (Terra Chá, A Ulloa, Lugo, Sarria, Chantada e parroquias interiores das comarcas da Mariña Lucense) ben cara á carne (A Fonsagrada, Os Ancares, Terra de Lemos). O porcino ten relevancia nalgunhas comarcas, en especial na de Sarria. Nas comarcas meridionais (Chantada, Quiroga e Terra de Lemos) a produción vitivinícola acada moita importancia e   obtivo na década de 1990 a condición de Denominación de Orixe Ribeira Sacra para os seus caldos. A pesca é a principal fonte de riqueza para algúns concellos da Mariña Lucense, destacan os portos de Burela e Celeiro como puntos de desembarque de especies como o bonito ou a sardiña. A industria ten unha relevancia escasa, destacan dous focos industriais, un no eixe comprendido entre Lugo e Rábade cunha forte especialización láctea e na transformación de produtos forestais, e outro en Xove-Cervo, grazas á planta de Alumina-Aluminio, principal planta fabril da provincia. Menor importancia adquire Sarria, especializada no moble e nos materiais de construción, e Vilalba, centrada nos derivados lácteos. O sector servicios está máis desenvolvido en Lugo e Monforte de Lemos, mais tamén destacan cabeceiras como Burela, Chantada, Foz, Mondoñedo, Ribadeo, Sarria, Vilalba e Viveiro. O sector turístico goza de produtos moi diversificados; o Camiño Francés e o Camiño do Norte son importantes itinerarios xacobeos que atravesan a provincia, favorecida polo desenvolvemento do turismo litoral na Mariña Lucense. Outros importantes recursos turísticos son a cidade de Lugo, coa muralla romana e o casco vello, así como a riqueza histórica das vilas de Mondoñedo e Monforte de Lemos. Tamén o turismo rural se ve favorecido polas áreas de interese paisaxístico e ambiental, en especial nas serras orientais e a Ribeira Sacra.