María Madalena, santa

María Madalena, santa

(s I) Penitente. Personaxe do Novo Testamento, foi discípula de Xesús Cristo, a quen acompañou ata a súa morte na cruz e foi a primeira persoa que anunciou a súa resurrección. A tradición medieval occidental identificouna coa pecadora arrepentida que perfumou os pés de Xesús Cristo na casa de san Simón, citada nos Evanxeos de san Lucas, san Mateo e san Marcos. Discútese se María de Magdala, María de Betania e a pecadora anónima eran esta mesma santa. É a personificación das bágoas do arrepentimento. Na iconografía existen dúas tipoloxías: a Madalena cortesá de gran fermosura e sensualidade que, vestida con ricos vestidos, leva na man un vaso de perfume para lavarlle os pés a Xesús Cristo; e a Madalena penitente, xeralmente núa, co corpo cuberto por unha longa cabeleira, e que leva nas mans un cranio, un rosario e unha coroa de espiños. A súa festividade celébrase o 22 de xullo.