macedonio -nia

macedonio -nia

(< lat Macedonĭus)

    1. adx

      Relativo ou pertencente a Macedonia, aos seus habitantes ou á súa lingua.

    2. s

      Natural ou habitante de Macedonia.

  1. [ETN]
    1. adx

      Relativo ou pertencente aos macedonios ou á súa lingua.

    2. s

      Individuo do pobo macedonio.

    3. s m pl

      Pobo que na Antigüidade habitou na rexión da Península Balcánica, comprendida aproximadamente entre Albania, Grecia e Bulgaria.

  2. s m [LING]
    1. Lingua que se supón de orixe indoeuropea e pertencente ao grupo centum. Coñeceuse a partir de glosas de lexicógrafos antigos e de nomes propios que revelan certa afinidade cos dialectos gregos, pero con algunhas particularidades que lle dan un carácter especial (presencia de consoantes sonoras no lugar das xordas aspiradas).

    2. Lingua eslava do phylum indoeuropeo que se fala en Macedonia. Consolidouse como lingua literaria despois da Segunda Guerra Mundial.

  3. dinastía macedonia [HIST]

    Dinastía de emperadores bizantinos que reinaron entre 867 e 1059. Instaurada por Basilio I o Macedonio, rematou tralo golpe de Isaac I Comneno.

  4. guerras macedonias [HIST]

    Guerras que enfrontaron os romanos cos macedonios durante o s III e II a C. Na primeira (217 a C) Filipo V aliouse con Aníbal, combateu contra os aliados de Roma (216-205 a C) e acadou algunhas melloras territoriais. Na segunda guerra (200-197 a C) foi derrotado en Cinocéfalos por Quinto Flaminio. En 171 a C, Perseo, fillo de Filipo V, desencadeou a terceira guerra que rematou coa súa derrota en Pidna e provocou a fin do Reino de Macedonia en 168 a C.

  5. literatura macedonia [LIT]

    Literatura cultivada en Macedonia. Iniciouse como unha literatura eclesiástica inserida dentro da tradición historiográfica búlgara. No s XVIII xurdiron os primeiros intentos de creación dunha obra propia, e na primeira metade do s XIX, paralela á aparición da burguesía macedonia, produciuse un florecemento da súa literatura. T. Sinaltski creou, en Tesalónica, en 1838, unha imprenta dedicada á produción de libros eslavo-macedonios. Do s XIX destacan os escritores J. Krčovski, K. Pejčinovik, Dimitar e Konstantin Miladinov, autores da primeira gran recompilación de cantos populares, realizada en 1861, e os poetas R. Žinzifof e G. Prličev; e do s XX destacan V. Iljoski, A. Panov, R. Krleski, K. Racin, V. Markovski, K. Nedelkovski, M. Bogoevski e A. Šopov, os poetas B. Koneski, S. Janovski, G. Ivanoski, S. Ivanovski, e os prosistas V. Maleski e J. Boškovski.