macla

macla

(< fr macle)

  1. s f [XEOL]

    Agregado cristalino regular que está constituído por dous cristais asociados simetricamente, de xeito que un deles pode estar colocado paralelo ao outro mediante unha reflexión sobre unha cara común, denominada plano de macla, ou ben mediante un xiro de 180° ao redor dunha recta común denominada eixe de macla. As maclas teñen a miúdo nomes específicos que fan referencia á súa forma característica, á localidade onde se atopou por primeira vez, ou ben, ao mineral que presentan máis a miúdo. Moitos minerais importantes, como a ortosa, a microclina, os plaxioclasios e a calcita, son a miúdo maclas.

  2. s f [IND]

    Deformación da estrutura cristalina dun metal en que unha zona ben definida desta, toma unha orientación diferente pero constante e cunha relación determinada co resto do cristal. As maclas prodúcense por esforzos mecánicos (maclas mecánicas), ou ben aparecen na operación de recocido (maclas de recocido).