Madre de Deus das Escolas Pías, orde da
Orde relixiosa dedicada á educación dos nenos, fundada en Roma por san Xosé de Calasanz, para continuar a súa obra de escolas populares. Paulo V constituíuna como congregación en 1617 e Gregorio XV en orde relixiosa en 1621, quen aprobou as constitucións en 1622. Por desavinzas internas, Inocencio X suprimiuna como orde en 1646, aínda que non abandonaron as escolas, e en 1656 e 1669 foron de novo elevadas a congregación e a orde. Na Península Ibérica introducíronse por Catalunya. En 1683 fixouse a primeira fundación estable en Moiá. A supresión das ordes relixiosas no s XIX non incluíu a dos escolapios, pero a de 1837 afectoulles gravemente na diminución de persoal e de actividades docentes. Ademais, a promulgación de plans de estudios puxo fin á súa autonomía pedagóxica e en 1859 foron declaradas establecementos privados. Coa Revolución de 1868 os concellos deixaron de financialas.