Madrid

Madrid

Comunidade autónoma de España, constituída pola provincia homónima que se corresponde coa capital do Estado (5.423.384 h [2001]). Limita ao N con Castela e León e ao S con Castela-A Mancha. Está situada a 3˚ 50’ E - 40˚ 20’ O. A capital é Madrid.
Xeografía física
Está limitada ao N polo Sistema Central e ao S polo val do Tajo. O sector setentrional está formado pola vertente meridional da serra de Guadarrama e parte de Somosierra e Gredos, constituído por materiais paleozoicos afectados posteriormente pola oroxénese Alpina. A parte central e meridional do territorio está formada por unha chaira terciaria, principalmente de arxila, que descende suavemente cara ao Tajo. As terras arxilosas forman un sistema de socalcos cuaternarios. No sector oriental a dureza das rochas calcarias permitiu a formación de páramos, amplamente extensos ao S do río Henares, entre este e o Tajuña. O clima é mediterráneo de tendencia continental. A temperatura media anual, excepto en zonas elevadas, supera os 14°C, cunha oscilación térmica anual de 19°C. As precipitacións son relativamente escasas, cunha grande irregularidade estacional e interanual. A capital rexistra aproximadamente 400 mm anuais, mentres que no NO (Navacerrada) chegan aos 1.400 m.
Xeografía económica

Economía e sectores de actividade
O sector primario ocupa o 1% da poboación activa. Na agricultura existen grandes explotacións ao lado doutras de pequeno tamaño. Os regadíos son insuficientes e os índices de mecanización son inferiores á media estatal, feito que provoca unha baixa produtividade e uns baixos niveis de renda da poboación rural. A industria é o segundo sector en importancia e localízase na capital. A Comunidad de Madrid é a segunda rexión industrial do país. O sector que máis medrou nos últimos anos é o do papel e o das artes gráficas, seguido do sector de material eléctrico e electrónico, a industria químico-farmacéutica e a alimentaria. Á parte da capital teñen certa importancia industrial Getafe, Alcalá de Henares, Torrejón de Ardoz, Móstoles, Alcobendas, Coslada e Arganda. O sector terciario ocupa a maior parte da poboación. Destaca o comercio, a Administración Pública, os servicios bancarios e financeiros e o turismo.
Transportes e comunicacións
Madrid é o centro dun sistema radial de redes de comunicacións, tanto por ferrocarril como por estrada. Da capital parten seis estradas nacionais que enlazan con Irún, Barcelona, València, Cádiz, Badajoz e A Coruña, ademais doutra que a une con Toledo. Todas elas convertéronse en autovías ou autoestradas. O problema da disposición radial, que obrigaba a pasar pola capital en calquera traxecto interrexional, solucionouse coa construción de cintos periféricos. Tamén é o punto de chegada de trens procedentes de toda España. A estación de Atocha recibe o AVE (Alta Velocidad Española) que enlaza Sevilla e Lleida coa capital. O aeroporto de Madrid-Barajas é o de maior tráfico regular de toda España.
Xeografía humana
A poboación da Comunidad de Madrid concéntrase na capital, que acumula dous tercios da poboación total. En 1930 a poboación era de 1.383.951, en 1950 de 1.926.311 e en 2001 de 5.423.384 h. Durante os primeiros 60 anos do s XX gañou, grazas á inmigración, máis dun millón de habitantes. Este proceso acentuouse na década de 1960. A evolución demográfica presenta un escaso crecemento e un progresivo avellentamento da poboación. A longa crise económica incidiu na perda de peso específico do núcleo de Madrid no conxunto rexional, xa que a capital pasou de aglutinar o 95,7% da poboación en 1970 a tan só o 62% en 2002. En Los Llanos de Madrid e na beira do Henares concéntrase a maior parte da poboación. Ademáis da capital, destacan as poboacións de Móstoles (196.524 h [2001]), Leganés (173.584 h [2001]), Fuenlabrada (182.705 h [2001]), Alcalá de Henares (176.434 h [2001]), Alcorcón (153.100 h [2001]), Getafe (151.479 h [2001]), Torrejón de Ardoz (97.887 h [2001]), Alcobendas (92.090 h [2001]) e Coslada (77.884 h [2001]). Por último, as beiras do Jarama, do Tajo e do Tajuña teñen poboacións moito máis pequenas, entre as que destacan Aranjuez (38.680 h [2001]) e Arganda del Rey (33.432 h [2001]).
Historia
A provincia de Madrid integrouse na rexión de Castela a Nova na división administrativa de 1833. Na súa formación, recibiu 44 concellos de Guadalajara, seis de Segovia, 11 de Toledo e dous de Ávila, mentres que perdeu 14 municipios en favor de Guadalajara e oito en favor de Toledo. Entre os novos concellos figuraba Aranjuez. En 1977 optouse pola constitución dunha comunidade autónoma uniprovincial, á que se lle outorgou o estatuto en 1983. Nas eleccións dese ano, gañou o Partido Socialista Obrero Español (PSOE) con Joaquín Leguina á fronte, que foi presidente ata 1995, ano en que o Partido Popular (PP) alcanzou o poder con Alberto Ruiz-Gallardón. En 2003, a convocatoria electoral tivo que ser repetida trala retirada do apoio ao PSOE de dous deputados do partido, no momento da toma de posesión do cargo do seu candidato, Rafael Simancas. Desde o 20 de novembro de 2003, a presidencia da Asamblea de Madrid corresponde a Esperanza Aguirre Gil de Biedma.
Patrimonio cultural
Do seu patrimonio cultural destacan o xacemento arqueolóxico do recinto histórico de Madrid, declarado Ben de Interese Cultural (BIC, 1993), construcións de época medieval como a torre mudéxar de San Nicolás (BIC, 1931) ou a de San Pedro el Viejo, do s XIV (BIC, 1979). Do s XVI é o Real Monasterio de San Lorenzo de El Escorial (BIC, 1931), construído por orde de Filipe II por Juan Bautista de Toledo e Juan de Herrera, no municipio homónimo. Tamén do s XVI son o mosteiro de San Jerónimo el Real, do que destaca a igrexa (BIC, 1995), e o claustro (BIC, 1925) e o convento de Las Descalzas Reales (BIC ,1994), reformado por Juan de Villanueva no s XVIII. Sobresaen tamén a casa de Cisneros (1537), a renacentista capela do Obispo (BIC, 1931) e a igrexa de Santa María la Blanca de Alcorcón (BIC, 1993). Do s XVI data a construción do palacio de El Pardo (BIC, 1931), reconstruído en 1772, e entre os ss XVI e XVII construíuse o castelo de Mirabel (BIC, 1983) en Buitrago de Lozoya (BIC, 1983). Do s XVII consérvase o convento de La Encarnación (BIC, 1994) de Juan Gómez de la Mora, reformado no s XVIII por Ventura Rodríguez, a igrexa do convento de beneditinas de San Plácido (BIC, 1943), a Plaza Mayor (BIC, 1985), de Juan Gómez de la Mora; o Casón del Buen Retiro (BIC, 1997), construído por orde de Filipe IV, e a ermida de Nuestra Señora de los Santos en Móstoles. A capela de San Isidro (1657-1659) considérase clave no barroco madrileño, e foi declarada BIC en1985. No s XVIII, Pedro de Ribera fixo a iglesia de la Virgen del Puerto (BIC, 1946) e a ponte de Toledo (BIC, 1956). Destacan tamén o Palacio de Oriente ou Palacio Real (BIC, 1931), a Puerta de Alcalá (BIC, 1976), a Puerta del Sol e a igrexa de San Marcos (BIC, 1944), obra de Ventura Rodríguez. A Biblioteca Nacional foi fundada por Filipe V en 1712. En 1866 instalouse nun edificio de Francisco Jareño e inaugurouse en 1892. A súa sede foi declarada BIC en 1983. Outra fundación deste século foi a do Museo Nacional del Prado, construído en 1785 por encargo de Carlos III ao arquitecto Juan de Villanueva e declarado BIC en 1962. Destaca tamén como exemplo do barroco madrileño a Casa de los Infantes, construída en Aranjuez por encargo de Carlos III e o Palacio Real de Aranjuez (BIC 1931). Orixinario do s XIV, Filipe II encargou a súa reforma (s XVI), -de estilo renacentista-, a Juan Bautista de Toledo e Juan de Herrera, pero as obras interrumpíronse a finais de século. O edificio rematouse baixo os reinados de Fernando VI e Carlos III, no s XVIII, constituíndose como un exemplo do barroco internacional. No s XIX construíronse a porta de Toledo (BIC, 1996), o Archivo Histórico Nacional (BIC, 1994), a catedral de La Almudena -rematada definitivamente en 1992-, o Palacio de las Cortes, o Teatro Real (BIC,1993), o Teatro de la Zarzuela (BIC, 1994), e o Banco de España (BIC,    1999). Do s XX destaca a Ciudad Universitaria (1927), obra dun equipo coordinado por Modesto López Otero e declarada BIC (1999), o Hipódromo de La Zarzuela de Carlos Amiches e Eduardo Torroja , a Casa de las Flores de Secundino Zuazo (1931) e os plans urbanísticos Zuazo-Jansen, o Viso (1933-1936) e a Colonia Residencia. Da posguerra destacan as obras de F. Sáenz de Oiza, as Torres Blancas (1962-1968) e o Banco de Bilbao (1971-1979) e o Bankinter de Castellana. Da arquitectura de finais de século destacan os recintos feriais no Campo de las Naciones (1989-1991) e a conversión do antigo hospital de Sabatini en Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía (BIC 1978). A estación de Atocha, remodelada en 1992, quedou conformada pola antiga (s XIX) e a moderna, obra de Rafael Moneo. Tamén son de interese a praza de touros de Las Ventas (BIC, 1994), o Jardín Botánico (BIC, 1942), o Paseo del Prado (BIC, 1999), a Casa de Campo (BIC, 1931), o Parque del Buen Retiro (BIC, 1935) e o palacio da Moncloa, destinado desde 1864 á residencia dos presidentes do goberno español.