magnetoscopio
(< magneto- + -scopio)
Aparato que rexistra as imaxes e os sons asociados, nunha cinta magnética, con posibilidade de reprodución inmediata na pantalla dun receptor de televisión. Mentres que no rexistro sonoro as frecuencias non pasan de 20 kHz, as dos sinais de vídeo poden alcanzar diversos MHz. Para iso, pásase, a gran velocidade, a cinta magnética por un tambor ou disco que leva dúas ou catro cabezas magnéticas de rexistro situadas, equidistantes, sobre a súa periferia, e que xira a velocidade constante en sentido perpendicular ao de avance da cinta (rexistro transversal), ou ben en sentido oblicuo respecto ao de avance da cinta que se despraza envolvendo permanentemente unha metade do tambor (rexistro helicoidal). No rexistro transversal, as pistas do sinal de vídeo rexistradas son paralelas e cunha lixeira inclinación respecto á anchura da cinta. No rexistro helicoidal, as pistas son paralelas e oblicuas e cada pista corresponde á información da media imaxe (312,5 líneas) que rexistra cada unha das dúas cabezas, de maneira que a cada volta do disco queda rexistrada unha imaxe completa. A versión doméstica do magnetoscopio é o vídeo.