mama
(< lat mamma)
-
s
f
[ANAT]
Cada un dos órganos glandulares que nas femias dos mamíferos producen a secreción do leite. Durante a xestación, as mamas aumentan de tamaño, e despois do parto comeza a produción do leite. O número de mamas é par, e a súa localización é diversa segundo os grupos: na rexión pectoral nos primates e nos sirénidos, na rexión inguinal nos équidos e ruminantes e na rexión abdominal nos súidos e pinnípedes. Segundo o número de crías a lactar, hai unha variación no número de mamas. Na especie humana, as mamas están situadas na rexión superior e lateral do tronco e están constituídas pola pel, onde, na súa parte anterior, está a mamila, coa aréola, e tecido adiposo subcutáneo, que envolve as partes da glándula propiamente dita. OBS: Tamén se denomina glándula mamaria.
-
s
f
[ZOOL]
Período de alimentación dos mamíferos a partir do leite que segrega as glándulas mamarias das femias.
Sinónimos: lactación.