mamífero -ra
(< lat mamma ‘teta’ + -fero)
-
adx
Relativo ou pertencente aos mamíferos.
Sinónimos: mastozoo. -
s
m
[ANIMAL]
Vertebrado da clase dos mamíferos.
Sinónimos: mastozoo. -
s
m pl
[ANIMAL]
Clase de cordados vertebrados que está integrada por animais amniotas homeotermos e vivíparos, co corpo provisto de glándulas mamarias e xeralmente recubertos de pel. Os primeiros mamíferos orixináronse a finais do Triásico a partir dos réptiles terápsidos, e alcanzaron o seu máximo apoxeo durante o Plioceno. A súa temperatura corporal é constante e independente da do medio natural, excepto naqueles que presentan hibernación e estivación. Case todos os mamíferos teñen catro extremidades pentadáctilas moi diversas. Segundo a maneira de desprazarse diferéncianse: os plantígrados (coa planta do pé), os dixitígrados (cos dedos) e os ungulígrados (co pezuño). Estes últimos e os proboscídeos teñen o extremo dos dedos protexidos por pezuños, mentres que os outros os teñen protexidos por uñas. Nas especies escavadoras, arborícolas e voadoras, as extremidades están profundamente modificadas; as especie acuáticas téñenas modificadas en aletas, aínda que nos cetáceos e sirénidos non desapareceron as posteriores. A pel presenta formacións epidérmicas, como os pelos, e dérmicas, como as glándulas sebáceas e sudoríparas. Determinadas ordes de mamíferos presentan cornos e hastas, de forma e constitucións diversas. Nas femias, as glándulas mamarias son produtoras de leite despois do parto, e están situadas na zona ventral, en posición axilar, pectoral, abdominal ou inguinal. Dos vertebrados, os mamíferos son os que teñen o esqueleto máis complexo, o cranio presenta unha redución dos ósos respecto ao dos réptiles, está unido á columna vertebral mediante dous cóndilos occipitais, e presenta un padal óseo secundario e unha única fosa temporal. O esqueleto das extremidades inferiores caracterízase pola plena deformación e superposición do astrágalo e o calcañar. O coracoide está soldado á omoplata e a clavícula só está presente nos grupos, en que os movementos da extremidade superior abarca todos os planos. A cintura pélvica presenta tamén un só óso, o coxal, unión do ilio, isquion e pube. A columna vertebral está subdividida en cinco rexións: cervical, torácica, lumbar, sacral e dorsal ou coxal, e entre as vértebras intercálanse os discos intervertebrais. O aparato dixestivo caracterízase por ter labios e dentes na cavidade bucal, a que pode ter numerosas formas e disposicións, segundo o réxime alimentario do animal (herbívoro ou carnívoro), pola presenza dun fígado e vesícula biliar, por ter un intestino groso e delgado ben diferenciados e o ano separado da apertura xenitourinaria. O aparato excretor consta de dous riles lumbares, con córtex e medula, dous uréteres e unha vexiga urinaria. O aparato respiratorio é moi parecido ao das aves e réptiles, pero as vías respiratorias e dixestivas están perfectamente separadas na farinxe, mediante válvulas, e o diafragma está ben desenvolvido. O aparato circulatorio presenta o corazón dividido en catro cavidades e un só arco aórtico, que sae do ventrículo esquerdo e vai cara a esquerda e non hai sistema porta renal, e a circulación é dobre, cerrada e completa. O sistema nervioso presenta o encéfalo cun gran desenvolvemento do telencéfalo, o que pasa a controlar outras partes do cerebro, que está dividido en dous hemisferios. O oído, que presenta unha gran complexidade, é o órgano dos sentidos que varía máis respecto ao dos outros vertebrados. O aparato reprodutor, nas femias, consta de dous ovarios, dúas trompas de Fallopio, un útero e unha vaxina, e os machos teñen testículos intra ou extraabdominais e posúen un órgano copulador ou pene eréctil, que é intracloacal nos monotremas e exterior no resto dos mamíferos. A fecundación é interna; presentan placenta e, a excepción dos prototerios (monotremas) que poñen ovos, son vivíparos; neste caso, diferénciase entre os metaterios (marsupiais), en que a cría, tras nacer, segue o seu desenvolvemento na bolsa marsupial, e os euterios (placentarios), últimos en aparecer na evolución e os máis abundantes e estendidos no mundo, en que a cría realiza toda a xestación no útero materno. Inclúe unhas 4.000 especies, a maioría están adaptadas ao medio terrestre, aínda que tamén existen formas acuáticas (cetáceos) e aéreas (quirópteros). OBS: Tamén se denomina mastozoario e mastozoo.