manierismo
(< ital manierismo)
-
s
m
[ARTE]
Estilo artístico da arte occidental que se limitou a Europa aproximadamente desde 1520 ata 1600. Este termo foi empregado por G. Vasari ao manifestar que os discípulos de Michelangelo Buonarroti pintaban á maniera do mestre. Sitúase nun momento de loita entre o anticlasicismo e o clasicismo; a forma desintégrase a partir da figura serpentinata, o idealismo concrétase e alcanza un ton fantástico e insólito; hai unha gran predisposición á excentricidade e ao desbaratamento, rómpense os eixes convencionais compositivos e establécese un divorcio entre a función e a forma. Os núcleos manieristas máis importantes foron Roma, cos alumnos de Rafaello, G. Romano, B. Peruzi e Prin del Vaga, e Mantua, onde G. Romano construíu o Palacio do Té, en que se formou F. Primaticio, que con G. B. Roso creou a escola de Fontainebleau, que mantiveron máis tarde J. Bunel de Blois, A. Dubois de Amberes e Martin Fréminet. Praga, coa corte de Rodolfo II, atraeu a G. Arcimboldi, que, xunto con B. Spranger e H. von Aachen, chegaron ao máximo da confusión formal dos manieristas. Na Península Ibérica cómpre destacar a P. Machuca, Pedro e Alonso Berruguete e L. de Morales, a obra de El Greco e o mosteiro de El Escorial. En Galicia, as primeiras formas manieristas introduciunas Juan Bautista Celma. En escultura seguiuse o estilo de Juan de Juni. Destacaron o mestre de Sobrado, Juan Davila e Gregorio Español, entre outros. Na pintura sobresaíu o pintor de Banga coas súas interpretacións neoplatónicas e Juan Bautista Celma.
-
s
m
Fenómeno en que, en calquera estilo, se produce un predominio da ostentación da habilidade formal sobre o contido.