Mañón

Mañón


Concello da comarca de Ortegal, ao N da Comunidade Autónoma de Galicia e ao NL da provincia da Coruña, situado a 43° 38’ de latitude N e 7° 44’ de lonxitude O. Limita ao N co Mar Cantábrico, ao L co Mar Cantábrico e cos concellos do Vicedo e Ourol (A Mariña Occidental), ao S co concello das Pontes de García Rodríguez (Eume) e Muras (Terra Chá), e ao O co concello de Ortigueira (Ortegal). Abrangue unha superficie de 82,2 km 2 cunha poboación de 1.693 (2007), distribuída nas parroquias de Bares, As Grañas do Sor, Mañón, Mogor e As Ribeiras do Sor. A súa capital é O Porto do Barqueiro, na parroquia de Mogor, situada a 121 km da cidade da Coruña e a 143 km de Santiago de Compostela. Está adscrito á diocese de Mondoñedo e ao partido xudicial de Ortigueira.
Xeografía física
Forma unha estreita e longa franxa de terreo entre as provincias de Lugo e A Coruña ocupando a vertente occidental do río Sor. A anchura media é de 3.500 m mentres que a lonxitude é de 27.500 m. No extremo S está Estaca de Bares, o punto máis setentrional de España e onde se unen as augas do Atlántico e o Cantábrico. Distínguense tres unidades de relevo; en primeiro lugar, as aliñacións montañosas da serra da Faladoira e a serra da Coriscada, así como as elevacións de menor entidade da serra da Meda; en segundo lugar, os vales que forman o río Sor e o seu esteiro e, en terceiro lugar, a península que forma Estaca de Bares, na marxe esquerda da ría do Barqueiro. As aliñacións montañosas teñen unha dirección N-S. A serra da Faladoira, situada ao N da depresión das Pontes, é a terminación setentrional da Dorsal Occidental Galega e prolóngase cara ao S coa serra da Coriscada, tamén parte da dorsal. As elevacións principais son a Cruz da Palloza (620 m), o Couto de Vilariño (540 m), o monte Coriscada (521 m) e o Muro do Vasco (520 m). A partir destas elevacións o relevo descende cara a Estaca de Bares, onde está situado o pico da Maeda (331 m). O río Sor e os seus afluentes forman vales angostos, que contrastan coas áreas montañosas. A ría, na ribeira que corresponde ao esteiro do Sor, ten un escarpado perfil litoral, de formas nítidas e brancos areais. Climaticamente, o concello entra dentro do dominio oceánico húmido. As temperaturas son temperadas ao longo do ano, con invernos suaves e veráns frescos e a temperatura media anual é de 12,9°C. O mes máis frío é xaneiro con 8,7°C de media mentres que o máis quente é xullo con 17,5°C. A oscilación térmica é de 8,8°C, unha variación débil debido á acción suavizadora do mar. As precipitacións son moderadas, sobre os 1.000 mm anuais. A disposición do relevo dá lugar ás débiles precipitacións, pois protexe o termo dos ventos predominantes do O. O réxime pluviométrico ten un máximo no inverno e un mínimo no verán e presenta un déficit hídrico desde o mes de maio ata o de setembro. O accidentado relevo do concello orixina a aparición de microclimas locais moi característicos. A rede hidrográfica organízase ao redor do río Sor que desemboca na ría do Barqueiro. Os seus afluentes son arroios pequenos como o Solloso, os Castros e Barral por ter formas sinuosas ao longo do seu percorrido pola sucesión de meandros encaixados. O espazo forestal ocupa unha importante superficie do territorio. Nos vales do río Sor e afluentes localízase unha abundante e frondosa vexetación ripícola e, nas aliñacións montañosas abundan as especies de repoboación, piñeiros e eucaliptos, e, sobre todo, as formacións arbustivas. Mañón conta con dous espazos naturais, o de Estaca de Bares e o esteiro do Sor.
Xeografía humana
O concello de Mañón non se caracterizou nunca por unha intensa ocupación humana, pero no s XX sufriu un proceso de despoboamento acusado desde 1960. A comezos de século tiña unha poboación de 4.459 h, máis do dobre que a rexistrada no censo de 2001, e de forma máis o menos estable, mantívose cunha tendencia á baixa ata a Guerra Civil Española. A partir de 1939 e ata comezos da década de 1960 a poboación medrou ata alcanzar e superar os niveis de comezos de século. En 1960 rexistrouse o máximo demográfico con 4.548 h, pero foi entre 1960 e 1970 cando se produciu o éxodo traumático de boa parte da poboación do concello, pois en dez anos, perdeu o 29,6% do seu número total de habitantes, pasando a ter 3.198 habitantes en 1970. A perda de case a terceira parte da poboación nunha década, foi produto da emigración masiva aos países industrializados europeos e cara ás cidades. A mesma dinámica mantívose ata mediados de 1970, e despois o descenso, máis sosegado, continuo ata os inicios do s XXI. O sostemento do éxodo rural, a caída da natalidade e o avellentamento seguiron a impulsar o proceso de despoboamento, así, o crecemento natural (2006) foi dos máis negativos de toda Galicia, cun -12,5‰. A natalidade é de tan só o 2,5‰ e a mortalidade, produto do avellentamento, ascende ata o 15‰. A poboación ata os 20 anos supón unicamente o 9% do total, mentres que os maiores de 65 anos representan o 39%; o grupo intermedio representa o 52%. A distribución por sexos está equilibrada o 50,67% son mulleres fronte ao 49,32% de homes. Este indicador tamén demostra o grao de avellentamento alcanzado na poboación. O núcleo máis habitado é O Porto do Barqueiro, na parroquia de Mogor. As parroquias litorais e de ribeira están máis poboadas cás de montaña. Predomina a vivenda familiar aínda que hai residencias secundarias que pertencen na súa maioría a emigrantes ou dedícanse á ocupación nas vacacións estivais.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Mañón é do 39,6% (50,8% a masculina e 29% a feminina); a taxa de ocupación é do 36,8% (48,5% a masculina e 25,9% a feminina) e a taxa de paro é do 6,9% (4,5% a masculina e 10,9% a feminina). A distribución da poboación activa por subsectores económicos reflicte a importancia do sector primario co 33,2% dos traballadores ocupados. As actividades agrarias empregan o 17% e a pesca o 16,2%. En segundo lugar o sector terciario, co 43,6%, e en último lugar o secundario co 23,3%, repartidos entre a industria e a construcción. A economía de Mañón depende basicamente das actividades primarias, entre as que hai que diferenciar as áreas costeiras e as do interior. No litoral o primario está ligado á pesca e o marisqueo e no interior a economía baséase no cultivo da terra en pequenas explotacións dedicadas ao autoconsumo, a producción forestal nas áreas montañosas e na reducida cabana gandeira. O sector secundario a penas está presente no concello, os traballadores ocupados nesta actividade teñen o seu emprego nas Pontes de García Rodríguez. A construcción, aínda que pouco importante, mantense estabilizada pola demanda interna. Asociado ás actividades pesqueiras do litoral desenvólvese o sector terciario. Os dous núcleos principais, O Porto de Bares e O Porto do Barqueiro, viven das capturas pesqueiras e teñen uns servicios básicos e unha actividade comercial ligada ao mar. Tanto nos servicios administrativos como na educación e na sanidade, así como nun comercio máis diversificado, Mañón depende principalmente das vilas de Ortigueira e das Pontes de García Rodriguez. Comeza a desenvolverse certa actividade turística na ría do Barqueiro pola praia de Area Longa e as condicións climáticas, sen embargo, o illamento do concello, moi distanciado das áreas máis dinámicas de Galicia, non posibilitou un fortalecemento do turismo como ocorreu noutros espazos de condicións parellas. Nas comunicacións, a principal vía é a provincial AC-642, Ferrol-Viveiro. Do Porto do Barqueiro parte unha estrada local ata O Porto de Bares e un ramal que se inicia na parroquia de Mogor. O ferrocarril de vía estreita, FEVE, de Ferrol a Gijón cruza o concello é ten unha estación no Porto do Barqueiro.
Historia
Os asentamentos prehistóricos demostran o antigo poboamento de Mañón, que puido ser habitado polos fenicios e posteriormente polos romanos. Destacan as mámoas de Bares e o espigón do porto. Da época romana é a necrópole de Cancela da Coxa de Arcos e a ponte do Porto. En 916 cítase o porto de Bares nun documento do Rei Ordoño II, quen concedeu o señorío da vila de Bares e o mosteiro situado na parroquia de Mogor ao bispo de Mondoñedo. No Antigo Réxime pertenceu ás xurisdicións de Bares e Mogor, señorío do bispo de Mondoñedo e o colexio seminario de Viveiro; Galdo, señorío do marqués de Alcañizas; Grañas do Sor, señorío do mosteiro de Meira; e Mañón, señorío do marqués de Astorga. En 1821 existiron os concellos de Mogor, Mañón, ambos os dous do partido xudicial de Santa Marta de Ortigueira, e Grañas, do partido xudicial de Viveiro. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Daquela produciuse a creación dos concellos de Mogor e Mañón. En 1823 o Rei Fernando VII derrogou a constitución, feito que supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835, cando se formou o concello de Mañón, que recibiu en 1842 tres parroquias procedentes do concello de Ortigueira.
Patrimonio cultural>
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, entre as mostras da arquitectura relixiosa destacan as igrexas parroquiais de San Cristovo das Ribeiras do Sor e San Mamede das Grañas do Sor. Entre as construccións civís destacan o pazo de San Fiz, en Mogor, e a torre de Lama, nas Ribeiras do Sor. Na parroquia de Bares consérvanse os muíños de vento e auga tradicionais, como exemplo da importancia que tivo o aproveitamento do vento como enerxía e que deu paso á colocación do parque eólico de Estaca de Bares. Do seu patrimonio natural destaca o espazo de Estaca de Bares, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. O 16 de xullo celébrase no Porto do Barqueiro en Mogor a festa da Nosa Señora do Carme.

Datos de poboación (2007)

Provincia A CORUÑA
Comarca Ortegal
Extensión 82 Km2
Poboación Total 1693 h
Poboación Homes 835 h
Poboación Mulleres 858 h
Densidade de poboación 20.65 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias