Marín

Marín


Concello da comarca do Morrazo, situado ao O da Comunidade Autónoma de Galicia e no centro-oeste da provincia de Pontevedra, a 42° 23’ de latitude N e a 8° 42’ de lonxitude O. Limita ao N co concello de Pontevedra (Pontevedra) e coa ría de Pontevedra, ao L cos concellos de Pontevedra e Vilaboa (Pontevedra), ao S cos de Bueu e Moaña (Morrazo) e ao O coa ría de Pontevedra. Abrangue unha superficie de 36,7 km 2, cunha poboación de 25.885 h (2007), distribuída nas parroquias de Ardán, O Campo, Marín (San Xián), Marín (Santa María do Porto), Mogor, San Tomé de Piñeiro e Seixo. a capital é Marín. Está adscrito á arquidiocese de Santiago e ao partido xudicial de Marín.
Xeografía física
Sitúase no centro da península do Morrazo, nun bloque elevado de dirección SO-NL que separa as rías de Pontevedra e Vigo. Emprázase na vertente setentrional da ría de Pontevedra e conta cunha lonxitude de costa de 10 km. Presenta un ascenso lonxitudinal nas súas altitudes desde o litoral cara ao interior e na parte oriental acádanse altitudes superiores aos 500 m, como o monte Domaio, de 622 m, e o de Cotorredondo, con 525 m na cima do monte Castiñeiro. No litoral localízase unha sucesión de acantilados e praias debido á alternancia litolóxica de bandas de xistos e granitos. Os xistos permitiron a formación de praias que se desenvolveron na desembocadura de pequenos cursos de auga. As áreas graníticas orixinaron saíntes como o monte O Cabalo, o Sobareiro ou o da Cova, e a illa de Tambo, de 1,5 km 2 de superficie, que tamén pertence ao concello. Climaticamente inclúese dentro do dominio oceánico húmido. As temperaturas son temperadas ao longo do ano pola acción marítima e as precipitacións abundantes. A temperatura media anual é de 15,4°C, o mes máis frío é xaneiro con 9,3°C de media e o máis quente é xullo con 19,4°C; así, a oscilación térmica é de 10,1°C, cunha débil variación a causa da influencia do océano. As súas elevadas precipitacións, 1.800 mm anuais, son das máis altas de Galicia. A disposición aberta ao mar favorece a entrada dos ventos húmidos do sudoeste que orixinan chuvias frecuentes, en especial a finais de outono e no inverno. O réxime pluviométrico ten así un máximo no inverno, co 36,5% do total anual, e a mínima rexístrase no verán, cunha media do 8%. Presenta un déficit hídrico estival nos meses de xuño, xullo e agosto polo abrigo da ría de Pontevedra. A rede hidrográfica está formada por pequenos cursos que nacen nas cimas orientais e desembocan na ría de Pontevedra tras un curto percorrido. Destacan o río Loira e o Lameira, que atravesa a vila de Marín para desembocar no mar. Nas áreas de monte predomina a repoboación con especies forestais de medranza rápida, piñeiros e eucaliptos, mentres que o mato se establece nos espazos de maior altitude. A penas quedan restos da vexetación autóctona no concello.
Xeografía humana O concello mantivo ao longo do s XX unha dinámica alcista da súa poboación. Entre comezos e finais de século pasou de 9.228 h a 24.997 h, un aumento do 168% nestes cen anos. Ademais, en todos os períodos intercensais a poboación marinense medrou, aínda que con diferentes impulsos. Ata a Guerra Civil, o número de habitantes incrementouse de forma constante pola existencia dun crecemento vexetativo moi positivo, que compensaba os movementos emigratorios cara a América. Entre 1950 e 1970, a poboación seguiu medrando dun modo constante a causa dunha forte natalidade e da atracción de poboación, debido ao emprazamento na vila da Escola Naval Militar. Este aumento non foi máis forte debido á presencia dun movemento emigratorio cara aos países industrializados europeos e un éxodo rural en dirección ás cidades de Pontevedra e Vigo. Na década de 1970 experimentou un acentuado proceso de urbanización e concentración residencial na vila. Deste xeito, o concello pasou en dez anos de 19.816 a 22.647 habitantes, unha suba do 14,28%. O desenvolvemento económico da vila coincidiu coa fin da corrente emigratoria trala crise de mediados da década de 1970, o que reverteu neste forte crecemento da poboación. Ese aumento moderouse aínda que a vila continúa a exercer como polo de crecemento demográfico. Deste xeito, entre 2001 e 2007 o ascenso situouse no 3,55%. En 2006 o crecemento natural foi positivo: 1,9‰, cunha natalidade do 9,6‰ e unha mortalidade do 7,7‰. A división por idades da poboación do concello reflicte unha estrutura demográfica adulta. Os habitantes ata os 20 anos supoñen o 19,7% do total, os maiores de 65 anos o 16,1% e a poboación adulta alcanza o 64,2%. A distribución por sexos amosa un certo equilibrio, lixeiramente a prol das mulleres, que constitúen o 50,66% da poboación. O núcleo urbano de Marín concentra a maior parte da poboación, co 50,07% de homes e co 49,92% de mulleres.
Evolución do plano urbano
A vila conserva o seu centro histórico, un intricado rueiro de vías estreitas que forman a parte antiga da cidade, en que se sitúan os edificios máis emblemáticos e os principais monumentos da vila. Marín coñeceu un forte crecemento na década de 1960 cando acadou unha rápida concentración demográfica e residencial. O plano da cidade expandiuse ata chegar ás dimensións actuais. Consolidouse a morfoloxía urbana, a cambio dunha perda da calidade urbanística pola proliferación de novas edificacións que non seguiron ningún criterio racional na súa construcción. Formando parte do propio centro urbano está o porto, aínda que a intensa actividade desta instalación provoca certo illamento con respecto á cidade. Este problema orixinou que nos últimos anos se intentara abrir Marín ao mar mediante a realización dun paseo marítimo que integrase e achegase as instalacións portuarias aos cidadáns.
Xeografía económica
A de actividade (2001) do concello de Marín é do 51,1% (66,2% a masculina e 37% a feminina); a taxa de ocupación é do 45,2% (60,6% a masculina e 30,8% a feminina) e a taxa de paro é do 11,6% (8,4% a masculina e 16,9% a feminina). A distribución da poboación activa por subsectores económicos demostra a preponderancia do sector terciario como a principal actividade do concello, pois emprega ao 59,4% da poboación. A continuación aparece o sector primario, co 17,8% dos traballadores, na súa maioría empregados no sector pesqueiro (12,6% do total dos ocupados). O sobredimensionamento acadado polos servicios reduce a proporción dos traballadores do sector secundario co 22.8%. Malia que a producción interior de Marín se vertebra ao redor do seu porto e da pesca, o sector terciario é a actividade económica máis desenvolvida polo seu carácter eminentemente urbano. As explotacións agrícolas sobreviven nas parroquias do concello, xa que se trata, na maioría das veces, dunha agricultura a tempo parcial, actividade complementaria da economía familiar, que se orienta principalmente cara aos cultivos de horta e o viñedo. A superficie agrícola útil é de 374, o 13,23% da área total do concello. A gandería é unha actividade residual, practicamente abandonada. Elemento fundamental da economía do concello son as actividades marítimas e pesqueiras. O porto de Marín, situado de forma privilexiada dentro das rutas do Atlántico, foi durante séculos un dos poucos autorizados para realizar comercio coas colonias de ultramar, o que proporcionou un puxante crecemento económico. A comezos do s XX, e como consecuencia da Guerra de 1898, o comercio marítimo descendeu, o que implicou unha forte competencia entre varios portos galegos polo mantemento do comercio indiano. En 1914 Marín perdeu a concesión do servicio de liñas transatlánticas a prol dos portos de Vigo e Vilagarcía de Arousa. O porto sobreviviu ata a década de 1980 cando, a través de fortes investimentos económicos, experimentou unha importante mellora das súas infraestruturas que o converteron nunha instalación moi competitiva. En 1982 púxose en marcha un novo peirao comercial que facía posible atracar os buques de maiores dimensións. O resultado destes investimentos e melloras foi positivo, pois converteuno nun dos principais portos de Galicia, só superado por A Coruña e Vigo, e en forte competencia con Ferrol e Vilagarcía de Arousa. No último decenio construíronse varias naves frigoríficas de gran capacidade para a almacenaxe e posterior distribución do peixe. Relacionadas coas actividades pesqueiras e marítimas están tamén a maior parte das industrias do concello, dedicadas á construcción naval, ao sector das conservas, ao frío industrial e a derivados da pesca. A vila medrou espectacularmente ao redor do seu porto nos últimos trinta anos para converterse en pequena cidade. Como tal, a administración, o comercio, a hostalería, os transportes, os servicios persoais e os financeiros, a educación e as actividades sanitarias, están presentes na vila. O comercio e a administración sitúanse como os principais subsectores do terciario. O primeiro deles, as actividades comerciais, destacan pola necesidade de atender as demandas de consumo dun concello de case 25.000 h. O segundo, a administración, desenvólvese principalmente pola existencia da Escuela Naval Militar e dos seus servicios adxacentes. En 1943 inaugurouse nos terreos que antes ocupara o castelo-fortaleza de San Fernando e a antiga Base Naval, a actual Escuela Naval Militar. Desde entón e durante décadas esta institución militar foi un importante factor que dinamizou a economía local, pois a ela acudían desde toda España os cadetes para facer carreira dentro da Mariña. Aínda que se mantén en pleno funcionamento, a súa relevancia está máis compensada por outras actividades. Ademais, pola súa proximidade, Marín mantén sólidas relacións comerciais e serviciais coa capital provincial, Pontevedra. Son moitos os marinenses que traballan nesta cidade. As principais vías de comunicación son a estrada comarcal PO-550, de Pontevedra a Cangas, e a estrada local PO-313. O contar cun importante porto, levou á construcción da liña ferroviaria que une Marín coa estación de Pontevedra.
Historia
Os primeiros restos arqueolóxicos encontrados en Marín pertencen á cultura megalítica, como as mámoas de Casa dos Lobos, Chan de Pastoriza e Chan da Lagoa, os dolmens da mámoa do Rei ou os gravados rupestres de Mogor, declarados Ben de Interese Cultural (BIC) en 1975. Durante o período castrexo deuse unha continuidade no poboamento e consérvanse castros como o de Porteliña. De época romana destaca a ponte de Soaxe e os restos dun peirao romano en Portocelo e dunha ánfora con moedas de prata en Macenlle que confirman a relevancia do poboamento romano. No s XII apareceu como vila de reguengo doada pola Raíña Urraca ao cabaleiro Diego Arias Deza; á morte da dona deste, converteuse en priorado de Santa María de Oseira ata o s XV, cando a nobreza local e o arcebispo de Santiago de Compostela loitaron polo seu dominio. A importancia da vila e do porto incrementouse no s XVII, xa que substituíu en gran medida o porto de Pontevedra e recibiu a autorización para o comercio coas colonias americanas. Durante o Antigo Réxime pertenceu ás xurisdicións de Cangas, señorío do arcebispo de Santiago de Compostela, e Marín, señorío do mosteiro de Santa María de Oseira. Durante o s XIX foi escenario das loitas contra os franceses. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio, e desde 1821 existiron os concellos de Marín e Piñeiro, adscritos ao partido xudicial de Pontevedra. En 1823 Fernando VII derrogou a constitución feito que supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835, cando se formou o concello de Marín. En 1843 escindíronse as parroquias de San Tomé de Piñeiro, Ardán e O Campo para formar o concello de Piñeiro, pero ao ano seguinte volveron formar parte de Marín. A instalación no porto da Compañía Trasatlántica Española (1861) permitiu a súa unión cos de Bos Aires e Montevideo, incrementando as exportacións con estes países. A creación da Escuela de Artillería y Tiro Naval (1931) e da Escuela Naval Militar (1943) supuxo un importante cambio para a concello e levou á división do porto en dúas áreas: unha exclusivamente militar e outra de carácter civil e pesqueiro. En 1955 o arcebispo e cardeal de Santiago de Compostela, Fernando Quiroga Palacios, creou a parroquia de Seixo, segregándoa da de San Tomé de Piñeiro. Publicada a primeira distribución de Galicia en 47 partidos xudiciais pola Deputación Única (1820), Marín formou parte do partido xudicial de Pontevedra ata 1988, cando se creou o de Marín.
Patrimonio cultural>
Ademais dos numerosos restos arqueolóxicos mencionados, dentro da arquitectura relixiosa destacan as igrexas parroquiais románicas de Santa María do Campo (s XIII), que conserva pinturas góticas, San Tomé de Piñeiro con ábsida pentagonal e Santa María do Porto de Marín. En arquitectura civil sobresaen a vella casa rectoral do Campo e os pazos de San Brais e da Brea, en Seixo. Tamén destaca o hórreo do s XVIII, situado nas proximidades da casa rectoral de Ardán, con 18 piares. Das festas celebradas en Marín sobresaen a procesión marítima do 16 de xullo, a festa das Sete Espadas en Mogor o 25 de xullo, e a romaría de san Brais en Seixo, ademais do Enterro da Sardiña o mércores de cinsa e a festa dos maios.

Datos de poboación (2007)

Provincia PONTEVEDRA
Comarca Morrazo, O
Extensión 36 Km2
Poboación Total 25885 h
Poboación Homes 12961 h
Poboación Mulleres 12924 h
Densidade de poboación 719.03 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias