Mariñán, pazo de

Mariñán, pazo de

ou de Láncara Construción situada en Bergondo. A edificación actual data do s XVIII e levantouse no lugar dunha antiga fortaleza dos Pérez das Mariñas. Mestura elementos barrocos e neoclásicos e orixinalmente tiña planta en forma de U, á que se lle engadiu en 1975 un novo corpo destinado a aloxamento. A fachada principal está presidida por unha escalinata de pedra que dá acceso ao patio de armas con dúas esculturas de pedra na parte inferior. A fachada posterior conta cunha solaina con balaustradas de cantería e cunha escalinata, con motivos esculturais barrocos, que dá acceso aos xardíns. No seu interior destaca a gran lareira. Conserva a capela, de estilo barroco e bo tamaño, que conta no interior cun retablo con tallas que se lle atribúen a Xosé Gambino. Fundado por Gómez Pérez das Mariñas no s XV, en 1936 o seu descendente Xeraldo Bermúdez de Castro, coñecido como Xeraldo Láncara, legou o pazo á Deputación Provincial da Coruña para fins sociais. Acolle unha interesante pinacoteca, principalmente de autores galegos desde o s XIX en diante, e foi Declarado Ben de Interese Cultural (BIC) en 1972, xunto cos seus parques e xardíns.

Palabras veciñas

Marinaleda | Mariñán | mariñán -ñá | Mariñán, pazo de | Mariñana | mariñao -ñá | mariñar