marisqueo
(< marisco)
Modalidade específica de pesca que consiste na actividade extractiva dirixida á captura de mariscos. Galicia posúe unhas condicións naturais excepcionais que propician un hábitat axeitado para o desenvolvemento das diferentes especies de marisco, moi abundantes na comunidade galega, tanto en variedade como en cantidade. Malia esta riqueza, a actividade marisqueira non adquiriu un cariz económico propiamente dito ata ben entrada a década de 1970, e non foi racionalizada a extracción ata datas moi recentes. Pola sobreextracción que existía, co tempo converteuse nunha actividade controlada, que necesita un permiso de explotación (permex) regulado pola lei 425/1993 do 11 de maio de Pesca de Galicia. Estes permisos de explotación son diferentes en función do tipo de recurso a extraer e do sistema utilizado para a extracción. No caso do permex para embarcación, o permiso habilita o patrón e non os tripulantes, e as embarcacións deben contar cun número máximo e mínimo de tripulantes. Non obstante , no caso dos permisos de explotación a pé, estes son persoais e intransferibles, e correspóndelle un a cada mariscador, que ten que cinguirse á área marisqueira solicitada, segundo o mapa de marisqueo fixado pola Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura. Esta regulación do marisqueo inclúe tamén as vedas, respectando as épocas de cría, e os talles legais mínimos para a extracción, que varían en función da especie á que se refiran. A recollida do marisco ten varias modalidades segundo o tipo de hábitat en que se desenvolva. Así, as especies que viven nas rochas do litoral, fixas a elas (mexillón, percebe, caramuxo, lapa) recóllense a man ou coa axuda dun aparello simple (coitelo ou rasqueta). O percebe é o que presenta maiores dificultades para a súa recollida por desenvolverse en áreas con intensas ondas nas rompentes. Outras moitas especies, a maioría, vive nos fondos areosos, xa sexa enterradas neles (ameixas, berberechos, navallas, entre outras) ou pousados sobre eles (vieiras ou zamburiñas). A recollida destas especies é diferente dependendo de se se sitúan nunha área intermareal, á que se pode acceder a pé durante a marea baixa (marisqueo a pé), ou en áreas en que non incide a marea, permanentemente inundadas, de xeito que a extracción é a flote (pesca de baixura). As artes de marisqueo a pé son simples, e existe un amplo abano de técnicas: fisga ou rasqueta ao sacho, angazo e culler. A fisga e a culler empréganse para desenterrar as especies que deixan pegadas dos seus sifóns na superficie. A rasqueta e o angazo son instrumentos propios daqueles lugares onde existe o berberecho, que sempre se localiza moi preto da superficie. O sacho emprégase para buscar aquelas especies enterradas a unha maior profundidade. O marisqueo a pé está case exclusivamente realizado por mulleres. O marisqueo a flote, en cambio, é maioritariamente practicado polos varóns. Para efectualo emprégase o angazo ou rastro de vara que se arrastra polo fondo, apoiándoo o mariscador no seu ombreiro, e as especies desenterradas quedan aloxadas no interior da pletina do rastro de vara. Os rastros remolcados son unha variedade do rastro de vara, que prescinden do pao, sustituíndoo por un cabo que permite arrastrar a arte polo fondo aproveitando a forza de tracción dos motores da embarcación. O can de ameixa, o de navallas, o rastro de vieiras e o rastro de camarón, son as variedades principais dentro dos rastros remolcados. Pola súa banda, os crustáceos extráense con outras artes, xa que o seu hábitat está en lugares rochosos ou entre as algas. Emprégase nestes casos as nasas, que posúen unha especie de funil que serve de entrada ao marisco, que penetra co aliciente da carnada existente no interior. Esta arte ten a vantaxe de ser selectiva, porque en función do tipo e do tamaño da nasa capturanse un ou outros tipos de marisco, que ademais permanece vivo e sen dano dentro da trampa ata a súa recollida. As nécoras, bois, centolas, lumbrigantes e polbos son as especies capturadas con nasas, aínda que existen outras artes igualmente empregadas para capturar algunhas destas variedades. O bou de vara é unha desas artes; trátase dunha rede de arrastre de amplas ás, cun profundo copo que mantén a súa entrada aberta cunha vara; con esta arte captúranse nécoras, camaróns, vieiras, voandeiras e tamén peixes de fondo como o rodaballo ou a solla. O trasmallo e o miño son artes de enmalle fixas coas que se captura a nécora e a centola. Os crustáceos que non se localizan nas rías, fundamentalmente as cigalas, captúranse con artes de arrastre de profundidade, non exclusivamente marisqueiras, senón que atrapan todo tipo de peixes e mariscos. As áreas de explotación marisqueira principais son as rías, moi destacadas no aspecto produtivo, agás algunhas delas que perderon importancia produtiva por mor do impacto xerado pola industria (Ferrol e Pontevedra) ou polo crecemento urbano (Vigo e A Coruña). A ría de Arousa mantense como o primeiro centro produtor, xa que reúne as mellores condicións naturais e a que se pode cualificar como un espazo privilexiado a escala mundial.