masculino -na

masculino -na

(< lat masculīnu)

  1. adx

    Relativo ou pertencente ao macho.

  2. adx [BIOL]

    Que posúe órganos para fecundar.

  3. adx e s m [LING]
    1. Aplícase ao xénero gramatical que se opón, nunha clasificación de dous xéneros, ao feminino e, nunha clasificación de tres xéneros, ao feminino e ao neutro. Esta oposición fundaméntase no criterio semántico de ‘sexo’. O xénero masculino fai referencia ás cousas que teñen sexo masculino ou a outras que, sen ter sexo, se asimilan a el. Desde o punto de vista da funcionalidade gramatical, o masculino é o xénero non marcado, por oposición ao feminino. En galego, son masculinos, por exemplo, os substantivos con vogal temática o (campo, dedo), aínda que hai excepcións (libido); os substantivos derivados directamente de verbos (embarque, encaixe); os rematados en -ote e -ete (foguete, pote), e en xeral os rematados en -ate (chocolate, tomate); os rematados en -me (iñame, ligame, pelame), con excepcións (fame, síndrome); os substantivos atemáticos con vogal tónica -ó (amalló, orizó) e, xeralmente, tamén os substantivos con sufixo -al (carballal, padal, pardal).

    2. Que é de xénero masculino.