materialismo
(< material + -ismo)
-
[FILOS]
-
s
m
Doutrina filosófica que estableceu a materia como un constitutivo fundamental da realidade. Defende non só a independencia do real respecto ao pensamento humano, senón tamén a materia como substrato último do Universo, concepto polo que se opuña ao espiritualismo. As primeiras elaboracións sistemáticas do materialismo foron dadas na Antigüidade, na escola Chārvāka, no mundo oriental e na do atomismo grego, en Occidente. Nos ss XVI e XVII xurdiu unha nova corrente materialista de carácter mecanicista que deu máis forza ás posicións idealistas e espiritualistas no campo filosófico. A partir de G. W. F. Hegel, a reinterpretación marxista da dialéctica recolleu a tradición materialista e modificouna radicalmente, polo que se estableceu o materialismo dialéctico e o materialismo histórico. O desenvolvemento científico dos últimos séculos revelou pertinente unha concepción do mundo materialista, pero aplicouse con moita redución limitándoa ao campo da teoría do coñecemento.
-
materialismo dialéctico
Doutrina filosófica establecida por Karl Heinrich Marx e Friedrich Engels en que recolleron as teses fundamentais do materialismo, aínda que se opuxeron á súa formulación mecanicista. Para a dialéctica marxista, o mundo debe ser concibido como un conxunto de procesos en que os corpos e o seu reflexo mental no cerebro humano, os conceptos, permanecen sometidos a un proceso constante de aparición e desaparición. Trátase dunha concepción xeral do mundo -que ten a súa base científica no materialismo histórico e nas ciencias naturais- e comporta unha peculiar teoría do coñecemento. Esta última, elaborada principalmente por Vladimir I. Lenin, sostén que o coñecemento humano reflite a realidade, e non de forma pasiva e fotográfica, senón de xeito aproximativo e activo en que a realidade se entende como constituída por unha infinidade de niveis que se integran nunha totalidade en movemento constante. O proceso de coñecemento ten que ser progresivo, pero sempre incompleto. O criterio de verdade, entón, é o da práctica social, é dicir, a experiencia histórica da capacidade que un coñecemento dá para dominar e transformar a realidade coñecida.
-
materialismo histórico
Teoría establecida por Karl Heinrich Marx e Friedrich Engels sobre o desenvolvemento das sociedades. En contra do papel determinante atribuído polo idealismo aos factores ideolóxicos ou políticos no proceso histórico, o materialismo establece que toda a historia da humanidade, a excepción dos seus estados máis primitivos, estivo dominada por unha loita de clases, e que estas clases son produto das relacións de produción e intercambio de cada época e que por tanto, a estrutura económica da sociedade é o fundamento real a partir do que se explican a superestrutura das institucións xurídicas e políticas e as formas de representación relixiosas, filosóficas ou doutra índole. Á parte do factor económico, o marxismo incluíu o factor humano como elemento tamén fundamental na transformación da realidade histórica.
-
materialismo mecanicista
Corrente filosófica que xurdiu no s XVIII representada inicialmente por La Mettrie e Holbach e no s XIX por L. Büchner, K. Vogt e J. Moleschott. Caracterízase polo feito de que reduce todo fenómeno psíquico-espiritual a unha simple manifestación de determinacións materiais, e concibe a realidade como integrada por entidades independentes, illadas e estables, definidas por propiedades primarias irredutibles unhas das outras. De aquí vén a súa afirmación da posibilidade dun coñecemento absoluto, baseado no progresivo descubrimento destas entidades e propiedades. Pode identificarse co naturalismo.
-
s
m
-
s
m
Actitude ou tendencia a dar unha importancia excesiva aos intereses materiais.
Ex: Queda claro o materialismo do seu xeito de actuar.