Meira
Concello da comarca de Meira, situado no L de Galicia a 43° 12’ 30”de latitude N e 7° 17’ 30” de lonxitude O. Limita ao N cos concellos da Pastoriza (Terra Chá) e Riotorto (Meira), ao L con Ribeira de Piquín (Meira), aoó S con Ribeira de Piquín e Pol (Meira), e ao O con Pol (Meira) e A Pastoriza (Terra Chá). Abrangue unha superficie de 50,6 km 2 cunha poboación de 1.794 h (2007), distribuída nas parroquias de Meira e Seixosmil. A capital esta na vila de Meira, na parroquia do mesmo nome, situada a 141 km de Santiago de Compostela e 34 km de Lugo. Está adscrito á provincia de Lugo, á diocese de Lugo e ao partido xudicial de Lugo.
Xeografía física
O relevo pódese subdividir en tres franxas de orientación N-S: unha ao O, que se corresponde co extremo oriental da gran penechaira de Terra Chá, cunha altitude media comprendida entre os 500 e os 600 m, dominada pola planicie e tapizada de materiais sedimentarios. A porción central correspóndese coa serra de Meira, aliñación de materiais metamórficos cunha dirección N-S, que no bordo meridional do concello pasa a ser L-O, e as altitudes están comprendidas entre os 700 e os 850 m, destacando entre as principais cotas o Meira (893 m), o Teixo (866 m) e o alto do Couso (828 m). O sector oriental coincide co val do alto Eo e está dominado por fortes pendentes ao pasar desde o nivel de cumios da serra de Meira ata o curso do río Eo (ao redor dos 200 m). O concello de Meira está situado no contacto entre a depresión de Terra Chá e os primeiros relevos das serras orientais, en pleno dominio climático oceánico de montaña, e caracterízase por unas condicións climáticas rigorosas. A temperatura media anual é de 11,7°C. A media de xaneiro é de 6,1°C, e a de xullo é de 17,7°C. A amplitude térmica extrema chega aos 22,2°C. A precipitación anual media é de 1.358 mm, cunha distribución estacional caracterizada por unha moderada seca estival: 35% de precipitación recollida en inverno, fronte ao 12% en verán, ficando con valores medios a primavera, co 25%, e o outono, co 28%. A rede hidrográfica está repartida entre a conca do río Miño, que ocupa os tercios central e occidental do concello, e a do río Eo, no seu tercio oriental. O río Miño, que nace neste concello, no Pedregal de Irimia, recibe inicialmente regos de escasa relevancia, predominando pendentes moi suaves e unha escasa actividade erosiva; o río Eo discorre moi encaixado, e a penas recolle augas dalgún rego de pendentes moi pronunciadas. A vexetación natural está moi degradada, só existen exemplos de especies clímax (fundamentalmente carballos) nas planicies occidentais, así como vexetación ripícola (amieiros) e na serra de Meira é abundante o monte baixo, mentres que no val do Eo predominan as especies de repoboación (piñeiros e eucaliptos).
Xeografía humana
A poboación de Meira viviu ata 1950 unha evolución positiva, acadando nesa data o seu máximo demográfico. Desde mediados do s XX viviu unha lenta pero continuada perda de efectivos demográficos, a pesar de que pode considerarse como un concello estable desde o punto de vista poboacional. Entre 1900 e 1910 asistiu a un leve incremento demográfico, cifrado nun 0,39%, que se freou na década seguinte cando a poboación se estabilizou ao redor dun -0,11 % interanual; posteriormente, entre 1920 e 1950, viviu un moderado e continuado crecemento (0,50% interanual). O crecemento acumulado durante a primeira metade do s XX practicamente desapareceu entre 1950 e 1970, cando comezou a perder poboación, aínda que a un ritmo moi moderado (-0,57% interanual); na década de 1970 estancouse a súa poboación (-0,03% interanual), retomando con forza a senda descendente entre 1981 e 1991 (0,70% interanual) e, finalmente, alcanzando o crecemento cero na última década do s XX. En resumo, a poboación de Meira caracterízase ao longo do s XX por unha evolución moi suave, en que reproduce o modelo seguido por outros concellos do interior. Esta tendencia continuou nos inicios do s XXI pois entre 2001 e 2007 o incremento da poboación só foi de 4 efectivos. En 2006 o crecemento natural foi negativo (-9‰), froito dunha baixa natalidade (3,7‰) e unha elevada mortalidade (12,1‰). A poboación mostra xa un avellentamento, pois os menores de 20 anos representan o 13% da poboación, mentres que os maiores de 65 anos supoñen o 12,1%. O reparto da poboación por sexos está equilibrado: as mulleres son o 50,83% fronte ao 49,16% de homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Meira é do 44,3% (54,3% a masculina e 34,9% a feminina); a taxa de ocupación é do 40,1% (50,1% a masculina e 30,8% a feminina) e a taxa de paro é do 9,4% (7,7% a masculina e 11,8% a feminina). A agricultura ten unha forte presenza na economía do concello, dá traballo ao 24,4% dos ocupados, o que a sitúa como o segundo sector en importancia. A superficie cultivada só abrangue o 8,62% do seu territorio, destacando entre os cultivos máis importantes os de carácter forraxeiro. A orientación da súa producción agraria é netamente gandeira, os prados e pastos supoñen o 13,38% do territorio municipal e conta con 2.537 vacas (2007), basicamente orientadas á producción de leite. A industria a penas está desenvolvida e só emprega ao 15,6% da man de obra, destacando unha pequena factoría destinada a elaborar prefabricados de formigón. Menos relevancia adquire a construcción, que só ocupa o 7,4% da man de obra. O principal sector da economía son os servicios, que representa o 52,6% do emprego local, cunha marcada especialización nos de distribución de bens de carácter agropecuario, así como asesorías, finanzas, seguros e comercio en xeral. A principal vía de comunicación é a estrada N-640 complementada con outras locais que unen Meira con Vilalba, Baleira e Ribeira de Piquín.
Historia
Os primeiros restos arqueolóxicos achados pertencen ao Megalitismo, como as mámoas de Paredes ou Piñeiro en Meira; de época castrexa destaca o castro de Tras da Valiña, na mesma parroquia. Pero a historia de Meira aparece totalmente ligada ao mosteiro cisterciense de Santa María de Meira, que acadou o seu máximo esplendor a finais do s XVI cando conseguiu a condición de Colexio Maior de Filosofía da súa congregación. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o actual concello pertenceron á xurisdición de Meira dentro da provincia de Lugo, e eran administradas polo mosteiro de Santa María de Meira e por varios nobres. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Daquela produciuse a creación deste concello. En 1823 o Rei Fernando VII derrogou a constitución, o que supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835, data de creación do concello actual, que en 1933 sufriu unha importante perda xa que nese ano se segregaron as parroquias que conforman o actual concello de Ribeira de Piquín. Desde a súa creación pertenceu ao partido xudicial da Fonsagrada, ata que en 1956 se integrou no de Lugo.
Patrimonio cultural>
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, no eido da arquitectura relixiosa destaca o mosteiro de Santa María de Meira, declarado Ben de Interese Cultural en 1931, xunto coa igrexa do mosteiro, construída entre finais do s XII e comezos do s XIII, con características do románico borgoñón. Tamén son importantes a capela de Paredes e a de Vilar de Mouros, ambas as dúas na parroquia de Meira. Dentro da arquitectura civil destaca a casa de Xesteira, que data do s XVIII. Parte do seu territorio foi incluído no espazo natural do Río Eo, declarado Lugar de Importancia Comunitaria en 2001 e Zona de especial protección dos valores naturais en 2004, dentro da proposta da Rede Natura 2000. Entre as festas que se celebran no concello destacan as do 15 de agosto, en honor á Nosa Señora, que rematan cunha xira campestre e gastronómica na carballeira de Grañanova, e as de San Roque, polas mesmas datas. Das celebracións laicas destaca a festa da malla, a finais de agosto.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | LUGO |
|---|---|
| Comarca | Meira |
| Extensión | 46 Km2 |
| Poboación Total | 1794 h |
| Poboación Homes | 882 h |
| Poboación Mulleres | 912 h |
| Densidade de poboación | 39 h/Km2 |