Meis
Concello da comarca do Salnés, situado ao O da Comunidade Autónoma de Galicia e da provincia de Pontevedra, a 42° 31’ de latitude N e 8° 42’ de lonxitude O. Limita ao N cos concellos de Vilanova de Arousa (comarca do Salnés) e de Portas (comarca de Caldas), ao L cos de Barro e Poio (comarca de Pontevedra), ao S cos de Poio (comarca de Pontevedra) e Meaño (comarca do Salnés) e ao O cos de Ribadumia e Meaño (comarca do Salnés). Abrangue unha superficie de 52,4 km 2 , cunha poboación de 4.982 h (2007), distribuída nas parroquias da Armenteira, Meis, Nogueira, Paradela, San Lourenzo de Nogueira, San Martiño de Meis e San Tomé de Nogueira. A capital do concello é o lugar do Mosteiro, na parroquia de Nogueira, localizada a 14,2 km da cidade de Pontevedra e a 56 km de Santiago de Compostela. Está adscrito á arquidiocese de Santiago e ao partido xudicial de Cambados.
Xeografía física
En Meis distínguense dúas unidades topográficas ben diferenciadas. Ao L do concello aparece un cordal montañoso que separa as rías de Arousa e Pontevedra e que culmina en altitudes superiores aos 600 m, no monte Castrove, que ten unha orientación case meridiana e estende a súa cima aplanada por varios quilómetros, configurándose como un bloque granítico elevado, cuns límites claros entre a Depresión Meridiana e o val do Salnés. Prolóngase a través dunha serie de elevacións que van descendendo en altura cara ao O e S, onde se sitúan os montes da Escusa (514 m) e Fontefría (396 m). O resto do termo está formado polo fértil val do Salnés, unha depresión na que aparecen múltiples outeiros de escasa altitude e topografía suave. Climaticamente entra dentro do dominio oceánico húmido, con temperaturas suaves ao longo de todo o ano. Os invernos son tépedos e os veráns non moi calorosos, cunha temperatura media anual moderada, sobre os 14,5°C. O mes máis frío é xaneiro con 9°C de media, mentres que o máis quente é xullo con 20,5°C. A oscilación térmica é de 11,5°C, unha variación reducida que vén dada pola influencia do océano. As precipitacións anuais son elevadas, con 1.828 mm, debido á inexistencia de barreiras orográficas que impidan a libre circulación dos ventos húmidos do sudoeste. Estas precipitacións concéntranse sobre todo no inverno (37,58%) e no outono (29,16%), mentres que o verán é cálido e seco (7,33%). Isto fai que no balance hídrico anual se produza un déficit nos meses de xullo e agosto con menos de 59 mm mensuais. Dentro do concello existen algunhas diferenzas internas, xa que conforme se ascende en altitude e hai unha proximidade cara ao L, descende lixeiramente a temperatura media anual e aumentan as precipitacións. O réxime de ventos é de dirección predominantemente S-SO. Os pequenos outeiros situados no val do Salnés separan o curso baixo do Umia dos pequenos ríos que drenan o concello. Son ríos de curto percorrido que nacen nas ladeiras do monte Castrove e que tras uns metros de estreitos e encaixados leitos circulan pola superficie chá do val. Na vexetación natural predominan os bosques de piñeiros de repoboación, que substituíron nas últimas décadas os castiñeiros, carballos, toxos e xestas. Esta vexetación autóctona vese reducida e limitada ás áreas do espazo forestal de Meis.
Xeografía humana
O concello de Meis tiña a comezos do s XX unha poboación de 4.503 h. Desde 1900 ata 1996, esta poboación experimentou diversas etapas de crecemento e descenso seguindo a evolución demográfica tipo dos espazos rurais de Galicia. Entre 1900 e 1930, o número de habitantes oscilou nos diferentes períodos intercensais sen que tivese lugar un crecemento significativo. Contrapuxéronse dous procesos durante esas décadas, unha forte natalidade fronte a unha numerosa corrente emigratoria cara a América Latina e ás cidades industriais de España. Cando despois da Guerra Civil Española e na primeira posguerra se limitou a posibilidade de emigrar, Meis experimentou o maior aumento da súa poboación, pasando de 4.906 h en 1930 a 5.490 h en 1950, o que supuxo un crecemento do 11,9%. O establecemento dunha segunda corrente emigratoria con destino principal aos países europeos máis desenvolvidos, orixinou unha etapa de forte perda de poboación entre 1950 e 1970. No censo de 1970, o concello tiña 4.761 h, o que supuxo unha baixa do 13,27% desde a década de 1950. Unha pequena suba produciuse cando esta marcha de emigrantes rematou a mediados da década de 1970; desta forma, en 1981 a poboación do concello ascendía a 5.213 h. Desde entón, o número de habitantes volveu descender de forma reducida pero constante e pasou de 5.017 h en 2001 a 4.982 h en 2007. A caída do crecemento natural e o avellentamento da poboación explica a redución da poboación. En 2006, a natalidade do concello tivo uns valores mínimos, situándose no 8,1‰. A mortalidade foi relativamente moi elevada, cunha taxa do 10,8‰. A combinación das dúas taxas dá como resultado un crecemento vexetativo negativo do -2,7‰. A poboación ata os 20 anos supón o 16,4% do total e os maiores de 65 anos representan o 21,9%. A poboación adulta, entre 20 e 64 anos, supón o 61,7%. A distribución por sexos amosa unha superioridade a prol das mulleres, que constitúen o 52,59% da poboación, mentres que os homes representan o 47,47%. A cabeceira municipal, O Mosteiro, é un lugar de pequeno tamaño que soamente concentra o 6% da poboación. A maioría dos habitantes repártense entre as súas sete parroquias e as 115 entidades de poboación que as constitúen. Un hábitat moi disperso en que destaca a parroquia de Paradela como a máis poboada.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Meis é do 46,9% (64,3% a masculina e 32,1% a feminina); a taxa de ocupación é do 41,8% (59,1% a masculina e 27% a feminina) e a taxa de paro é do 10,8% (8% a masculina e 15,8% a feminina). A distribución da poboación activa por subsectores económicos sinala a importancia do sector secundario que contén o 44,7% da poboación ocupada. A continuación sitúase o terciario, co 44,4% da poboación ocupada e, finalmente o primario co 11%. O desenvolvemento dunha reducida concentración de pequenas fábricas centradas en materiais de construción e no sector do papel e da cartonaxe explican o predominio do secundario en Meis. Aínda que a industria empregue máis traballadores segue a ser a agricultura o seu principal recurso económico. A topografía e o clima determinan unha boa calidade dos solos para as actividades agrarias en parte do concello. Por outro lado, as áreas máis elevadas do sector oriental son moi aptas para o aproveitamento forestal. A superficie agrícola útil é representa o 12,44% da área total do termo municipal. Unha intensa ocupación do solo a través de cultivos intensivos dedicados aos mercados urbanos é viñedo. O cultivo da vide renovouse nos últimos anos, centrado nas variedades de albariño e caíño, de alta rendibilidade pola especialización vitivinícola da comarca do Salnés. A gandaría de bovino para a produción de leite vai en aumento nalgunhas parroquias así como a produción avícola en determinadas granxas. Pola contra, o retroceso na cabana caprina e ovina foi moi importante e este tipo de gandaría ocupa un lugar moi marxinal. Se o sector primario e o secundario aparecen desenvolvidos, o sector servizos xoga un papel menos relevante. No concello non se localiza unha vila ou cidade de elevada poboación e, a capital, O Mosteiro, é un pequeno centro que atende as necesidades máis básicas dos habitantes. En Meis existen centros de atención sanitaria primaria, colexios e entidades financeiras. A proximidade do concello aos principais centros urbanos da ría de Arousa e Pontevedra posibilita que os seus habitantes se despracen a Pontevedra e a Vilagarcía de Arousa para acceder aos seus servizos. As principais vías de comunicación son a Vía Rápida do Salnés e, sobre todo, a estrada comarcal PO-531 entre Cambados e Pontevedra. Das estradas locais que articulan o concello destaca a de Noalla-Caldas.
Historia
A presenza de vestixios prehistóricos, como unha folla de sílex e algunhas machadas de pedra, demostran que o territorio estivo habitado desde o Paleolítico. Tamén se conservan restos de cultura megalítica, como o dolmen da Casiña da Moura no monte Castrove, onde tamén se localizaron gravados rupestres, que foron declarados Ben de Interese Cultural (BIC) en 1975. Desde a Idade Media o arcebispo de Santiago de Compostela tivo a xurisdición da zona, que implicaba o control sobre a organización socioeconómica. No s XII, o nobre Ero de Armenteira decidiu seguir unha vida de recollemento e fundou o mosteiro de Santa María da Armenteira, co que a parroquia do mesmo nome e outros lugares próximos pasaron a depender do cenobio, tanto por doazón real coma de nobres particulares, dos que destacan as liñaxes dos Soutomaior, dos Ulloa e, posteriormente, dos Monterrei ou da casa de Alba. En 1523, coa reforma dos mosteiros, incorporouse á Congregación de Castela. Durante o Antigo Réxime o territorio dividiuse entre as xurisdicións de Cambados, señorío do conde de Monterrei; San Tomé do Mar, señorío do marqués de Monte Sacro; Vilanova de Arousa, señorío do arcebispo de Santiago de Compostela; e Lanzada, señorío do arcebispo de Santiago de Compostela e do mosteiro da Armenteira. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Daquela formouse o concello de Meis, pertencente ao partido xudicial de Cambados. En 1823 Fernando VII derrogou a constitución, o que supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835, cando se estableceron os límites e as parroquias que o integran.
Patrimonio cultural>
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, conta con importantes mostras de arquitectura relixiosa como as igrexas de San Martiño de Meis (s XII), a de San Tomé de Nogueira con inteserantes pinturas no seu interior, e a de San Salvador de Meis, así como o mosteiro cisterciense de Santa María da Armenteira (s XII), declarado BIC en 1931. Dentro da arquitectura civil destacan o pazo de Pompeán e a torre e o pazo de Quintáns, do s XVIII, ambos os dous en Paradela. A romaría máis importante do concello celébrase en abril, en honor á Nosa Señora das Cabezas no mosteiro de Santa María da Armenteira. Tamén destacan as celebradas en Nogueira o 3 de febreiro en honor a San Brais ou as populares de San Salvador de Meis, Santa María de Paradela e Santo Ero, todas elas no mes de agosto.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | PONTEVEDRA |
|---|---|
| Comarca | Salnés, O |
| Extensión | 52 Km2 |
| Poboación Total | 4982 h |
| Poboación Homes | 2365 h |
| Poboación Mulleres | 2617 h |
| Densidade de poboación | 95.81 h/Km2 |