Melide

Melide


Concello da comarca de Terra de Melide, situado no extremo suroriental da provincia da Coruña, no centro da Comunidade Autónoma de Galicia, a 42° 54’ 42’’ de latitude N e 8° 00’ 40’’ de lonxitude O. Limita ao N cos concellos de Boimorto (comarca de Arzúa) e Sobrado (comarca de Terra de Melide), ao S cos de Santiso (Terra de Melide) e Palas de Rei (A Ulloa), ao L co de Toques (Terra de Melide) e ao O cos de Arzúa (comarca de Arzúa) e Santiso (Terra de Melide). Abrangue unha superficie de 101,3 km2en que acolle unha poboación de 7.916 h (2007), distribuída nas parroquias de Abeancos, Os Ánxeles, Baltar, O Barreiro, Campos, Castro, Folladela, Furelos, Golán, Gondollín, Grobas, O Leboreiro, Maceda, O Meire, Melide, Moldes, Orois, Pedrouzos, San Cibrao, San Cosme de Abeancos, Santa María de Melide, Santalla de Agrón, As Varelas, Vitiriz, Xubial e Zas de Rei. A súa capital, a vila de Melide, situada na parroquia homónima, dista 75 km da Coruña e 57 km de Santiago de Compostela. Está adscrito á diocese de Lugo e ao partido xudicial de Arzúa.
Xeografía física
O relevo de Melide presenta tres sectores ben diferenciados xeograficamente, ao N desenvólvese unha área montañosa con pendentes pronunciadas e unha topografía moi accidentada. Aquí aparece a Serra do Bocelo, onde se localizan os cumios do concello, monte Pilar (806 m) e Castro Pedro (648 m). O segundo sector sitúase no centro do concello, cunha altitude inferior e unha topografía bastante chá, recuberta por solos arxilosos. Neste espazo é onde se asenta a capital do concello. Finalmente, ao S, na área lindante con Santiso, e ao SO aparecen as terras máis baixas cunha topografía de suaves outeiros e vales pouco pronunciados, acadando unha altitude media de 400-450 m. O clima encádrase dentro do dominio oceánico húmido, se ben dentro das variedades galegas hai que situalo entre os do interior, subtipo das plataformas occidentais. A exposición favorable aos ventos húmidos do océano, tanto dos fluxos do N e NO, como dos do SO e O, é debida á ausencia de relevos interpostos entre o litoral e a Dorsal Occidental Galega da que forma parte a Serra do Bocelo, e repercute nas abundantes precipitacións que se sitúan entre 1.500 e 2.000 mm anuais. A maior parte caen no inverno (34%), aínda que en primavera (27%) e outono (26%) mantéñense altas e redúcense considerablemente no verán (13%), con déficit hídrico en xullo e agosto (uns 100 mm). Nas temperaturas obsérvanse certos trazos de continentalidade, en especial na amplitude térmica diaria e no descenso da temperatura media invernal respecto da costa (xaneiro coa máis baixa, 7,6°C). No verán os meses máis cálidos, xullo-agosto, acadan unha temperatura media de 18°C. O risco de xeadas é forte entre outubro e marzo. A maior parte do concello pertence á conca fluvial do Ulla, articulada polo río Furelos e os seus afluentes, Pedrouzos e Catasol. A estes cursos hai que lles engadir o Iso, que percorre o NO, e o Seco o SO. A Serra do Bocelo constitúe a divisoria de augas de importantes ríos como o Mandeo, o Parga, o Tambre e o Ulla.
Xeografía humana
A poboación experimentou un incremento notable desde a publicación do primeiro censo moderno en 1887, cando contaba con 6.336 h, aínda que non foi un crecemento continuo. Así, ata 1920 o aumento demográfico foi do 0,64% anual. Malia o incremento, a emigración ultramariña repercutiu na poboación ata o punto de que chegou a propiciar a aparición dunha banca no cambio do século XIX ao XX, que tiña a maior parte do seu negocio nos créditos aos emigrantes para mercar as pasaxes. A vila, neste mesmo período, foi a que sostivo ese crecemento, pois medraba en habitantes a un ritmo do 1,76% anual. A emigración continuou a producirse ao mesmo ritmo ou superior durante a década de 1920, pero o incremento demográfico foi moito máis acusado (1,28% anual), favorecido pola potenciación das funcións terciarias da urbe melidense (medrou neste decenio un 4,65% cada ano). O crecemento continuou ata 1940 propiciado polo freo dos desprazamentos poboacionais coa Guerra Civil Española, e acadouse nesa data o máximo poboacional histórico (10.127 h). A década de 1940 supuxo un estancamento da poboación (incrementada nun 0,04% anual), que se tornou nunha forte perda de efectivos (-1,3% anual) no período intercensual 1950-1970. Mesmo a vila chegou a diminuír o seu potencial demográfico (-0,49% anual entre 1950 e 1960). Este retroceso hai que relacionalo coa segunda corrente emigratoria cara a América e o período de máxima puxanza das saídas cara a Europa. A partir de 1970 tanto Melide (incremento anual do 0,38%) como a vila (2,69%) rexistran un crecemento da poboación. O crecemento mantense nos primeiros anos do s XXI ata chegar aos case 8.000 h do padrón de 2007. Froito desa evolución demográfica, o concello conta cunha estrutura por idades bastante avellentada pero menos grave que a que se vive na maior parte do interior galego. Os menores de 20 anos só son o 15,1% da poboación fronte ao 25,2% dos maiores de 65 anos; grupo intermedio representa o 59,8%. En 2006 o crecemento vexetativo foi negativo (-2,9‰) pois aínda que a natalidade mantén cifras moderadas (6,6‰), a mortalidade é alta (9,5‰). Por sexos dominan as mulleres, 51,02% fronte ao 48,97%.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Melide é do 46,7% (59,5% a masculina e %34,6 a feminina); a taxa de ocupación é do 41,4% (53,3% a masculina e 30% a feminina) e a taxa de paro é do 11,5% (10,4% a masculina e 13,3% a feminina). A economía municipal xira arredor de dous piares fundamentais, por unha parte o sector primario (15,1% da poboación ocupada) nas amplas áreas rurais, e por outra os servizos (53,4%), potenciados pola funcionalidade terciaria da vila, que centraliza e dá cobertura a unha ampla comarca rural. Ata comezos da década de 1980 a economía local estaba baseada nunha agricultura de policultivo de tipo tradicional para autoconsumo, que se completaba cun armentío por explotación e co aproveitamento do monte. Pero xa desde finais da década de 1970 comezou unha reestruturación e creouse unha gandaría de produción láctea, de xeito que máis do 40% das terras das explotacións agrícolas están dedicadas a pastos e outro 25% a cultivos forraxeiros. Existe un movemento asociacionista importante, do que destacan as cooperativas Lácteos Terra de Melide e Melisanto, con asociados que trascenden o ámbito comarcal. Ademais, conta coa segunda feira gandeira máis importante da provincia coruñesa tras a de Santiago de Compostela. As explotacións porcinas tamén teñen unha forte implantación. A industria (15,5% dos ocupados) non está moi desenvolvida, pero posúe empresas que fan rendibles os recursos endóxenos como serradoiros, carpintarías metálicas, cárnicas, do moble ou da construción. Preto da vila construíuse un gran parque empresarial que conta cunha ocupación crecente. O comercio foi tradicionalmente unha das principais actividades de Melide. Outros servizos importantes son os transportes, a hostalaría, a educación , a Administración Pública e os sanitarios. As vías de comunicación máis importantes son a N-547, Lugo-Santiago, e a AC-540 Betanzos-Ourense.
Historia
As primeiras pegadas humanas localizadas en Melide remóntanse ao Megalitismo, cultura da que existen numerosas mámoas espalladas polo municipio, especialmente no monte do Bocelo. Son tamén abundantes os castros, entre os que destacan os de Baltar, Pedrouzos, San Cosme, San Salvador e Agrón. Algúns Historiadores cren que aquí era onde se localizaba a mansión romana Brevis, do Itinerario Antonino. A primeira mención documental da vila datouse entre os anos 958 e 968 nun documento do mosteiro de Santa María de Sobrado dos Monxes. A vila xurdiu en función do Camiño de Santiago, como o confirma a súa configuración en forma de aldea-rúa. Polo concello non transcorre só o Camiño Francés, senón tamén un tramo do chamado Camiño do Norte, que chega á vila pola súa parte norte. En 1372 construíuse o convento do Sancti Spiritus, sede central en Galicia da Terceira Orde de San Francisco. En 1467 os irmandiños derribaron a fortaleza do castelo e as murallas da vila, facendo fuxir a Castela a Sancho Sánchez de Ulloa. En 1520 pasou pola vila Carlos I e ese mesmo ano reuníronse nela vinte e un representantes da nobreza e o alto clero galego presididos polo arcebispo de Santiago de Compostela, para tratar qué postura tomaría Galicia con respecto ás Comunidades de Castela e á xunta de Tordesillas. A orixe das feiras rastréxase ata o s XVII, favorecidas pola situación natural da vila nun cruzamento de camiños, que tamén potenciou unha industria artesanal. Durante o Antigo Réxime o concello de Melide tiña as súas parroquias divididas nas xurisdicións de Abeancos, señorío do conde de Monterrei; Boente, señorío do conde de Altamira; Furelos, señorío da encomenda de Portomarín e de Fernando Bermúdez; Melide, señorío do arcepisbo de Santiago de Compostela; e Santo Antoíño de Toques, señorío do mosteiro de San Martiño Pinario. Todas elas pertencían á provincia de Santiago, agás Santo Antoíño de Toques que pertencía á provincia de Lugo. Coa división municipal emanada das Cortes de Cádiz creáronse os concellos de Abeancos e Melide. Por estas datas os melidaos combateron con éxito na Guerra da Independencia contra os franceses, cortando a comunicación entre as tropas napoleónicas asentadas en Lugo e Santiago de Compostela. Na nova división de 1836 permaneceu o concello de Melide, coas parroquias coas que conta a comezos do s XXI e mais a de Santaia de Rairiz, posteriormente incorporada ao concello de Santiso.
Patrimonio cultural>
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, destacan as igrexas parroquiais de Santa María do Leboreiro (s XIII) con pinturas do s XV, San Xoán de Furelos e Santa María de Melide (s XII). Cómpre destacar tamén a igrexa de San Roque, preto da que se ergue o cruceiro de Melide, a igrexa do antigo convento do Sancti Spiritus (s XIV) que alberga sepulcros medievais, e a capela barroca da Obra Pía de Santo Antón, onde se localiza a casa do concello. Das mostras da arquitectura civil sobresaen as partes nova e vella de Furelos e a ponte Leboreiro, así como os pazos de Tarrío en Xubial, o de Figueiras en Folladela e a casa de Lago, en Gondollín. Do seu patrimonio natural destaca o espazo da Serra do Careón, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Das festas sacras destacan a de San Pedro, San Cristovo e a Virxe do Carme e a de San Roque. Tamén se celebra a Feira da Tenreira Galega e a Feira do melindre.

Datos de poboación (2007)

Provincia A CORUÑA
Comarca Terra de Melide
Extensión 101 Km2
Poboación Total 7916 h
Poboación Homes 3877 h
Poboación Mulleres 4039 h
Densidade de poboación 78.38 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias