Melilla, Guerra de
Conxunto de conflitos armados acontecidos en Melilla entre o exército español e as cabilas de Rif, como consecuencia da resistencia destas ao dominio español. O primeiro conflito, coñecido como Guerra de Margallo (1893-1894), produciuse a consecuencia do ataque rifeño aos fortes españois de Sidi-Guariach e Cabrerizas Altas, e rematou coa vitoria española, tras a que se estableceu unha zona neutral adxacente a Melilla. O segundo conflito (1909-1912), librado en Barranco del Lobo, orixinouse a consecuencia dun novo ataque rifeño, esta vez aos obreiros da Compañía Española de Minas del Rif, cando traballaban na liña de ferrocarril de Beni-Bu-Ifrur. A mobilización de reservistas españois desde a quinta de 1903 para a guerra, abriu un forte foco de resistencia social en Barcelona, que se coñeceu como a Semana Tráxica (1909). Pero as loitas non se interromperon e, tras o establecemento do protectorado español sobre Marrocos (1912), xurdiu un novo conflito armado (1912-1927). Despois de ver as súas forzas fortemente decimadas na Desfeita de Annual (1921) e nos sucesivos ataques aos seus postos militares (Nador, Zeluán, etc), Miguel Primo de Rivera e Henri Pétain asinaron un tratado para iniciar un contraataque decisivo que culminou co Desembarco de Alhucemas (1925), tras o que Abd el-Krim, principal líder rifeño, se entregou aos franceses.