Melón
Concello da comarca do Ribeiro, situado na provincia de Ourense no S de Galicia a 2° 15’ 20’’ latitude N e 8° 12´ 30´´ lonxitude O. Limita ao N cos concellos de Carballeda de Avia e Ribadavia (comarca do Ribeiro), ao L co da Arnoia (comarca do Ribeiro), ao S cos de Crecente e A Cañiza (comarca da Paradanta), e ao O cos da Cañiza e O Covelo (comarca da Paradanta). Abrangue unha superficie de 53,4 km 2 cunha poboación de 1.546 h (2007), distribuída nas parroquias de Melón e Quins. A capital está no lugar de Melón, na parroquia do mesmo nome, a 123 km de Santiago de Compostela e a 39 km de Ourense. Está adscrito á diocese de Ourense e ao partido xudicial de Ribadavia.
Xeografía física
Está situado na transición entre a serra do Faro de Avión, extremo meridional da Dorsal Occidental Galega, e o curso do río Miño, o que permite subdividilo en tres franxas con dirección N-S dominadas polos materiais graníticos. A primeira é a mesma serra do Faro de Avión, ao O do concello, que posúe unha altitude media entre 800 e 1.100 m, e da que destacan as cotas de Faro de Avión (1.151 m), O Pedroso (1.073 m), e o alto das Barateiras (1.050 m). O centro é unha área en que destaca a acción modeladora dos cursos fluviais que verten no río Miño, as suaves formas protagonizan esta franxa de terreo con altitudes comprendidas entre os 300 e 700 m, e en que destacan como principais accidentes o couto de Freixa (439 m) e o Marco Padrón (665). A terceira franxa, ao L, é o val do Miño, que se caracteriza por altitudes comprendidas entre os 100 e 300 m e fortes pendentes. Melón está situado na transición entre os dominios climáticos oceánico mediterráneo e oceánico de montaña. A situación do concello, a sotavento da serra do Faro de Avión, íllao da influencia mariña adquirindo trazos mediterráneos propios das terras baixas do Ribeiro. A temperatura media anual é de 15,3°C. A media de xaneiro é de 9°C, e a de xullo de 22,5°C. A amplitude térmica máxima chega aos 22,6°C e a precipitación anual media é de 1.124 mm, cunha distribución estacional que amosa unha notable seca estival: 41% de precipitación que se recolle en inverno, fronte ao 11% en verán, ficando con valores medios a primavera co 23% e o outono co 25%. A totalidade do concello está na conca do Miño, que o delimita polo L aínda que cun leito modificado ao coincidir co encoro de Frieira. Cara ao Miño van dous ríos de curta lonxitude e forte pendente que nacen na serra do Faro de Avión, o Brul, que segue unha dirección L-O, e o Bouzas, que baña a parroquia de Quins despois de trazar un arco que vai de dirección inicial SO-NO a L-O, recibindo as augas dos ríos Cortella e Cerves. A acción antrópica é importante, as intensas repoboacións de piñeiros caracterizan as terras de menor altitude, das que destacan a matogueira e os pastizais nas serras.
Xeografía humana
A poboación de Melón, con altibaixos, viviu unha evolución positiva ata 1950, cando acadou o seu máximo demográfico. Entre 1950 e finais do s XX sufriu unha intensa decadencia demográfica, polo que en 2001 posuía unha poboación moi por debaixo da de principios do s XX. Entre 1900 e 1910 creceron os seus efectivos demográficos, acadando cifras próximas ao 0,45%, entre 1910 e 1920 perdeu parte do incremento demográfico da década anterior (-0,32% interanual), para retomar o crecemento entre 1920 e 1940 a un ritmo do 0,2% interanual e entre 1940 e 1950 ao 0,49% interanual. A segunda metade do s XX caracterízase por unha perda demográfica continua, que se cifra no 1,05% interanual; dos que son momentos álxidos desta continua perda demográfica entre 1960 e 1981 e entre 1991 e 2001, cando perde poboación a un ritmo cifrado ao redor do -1,4% interanual. A emigración, xa sexa a Europa, a outras rexións españolas, a Vigo ou Ourense, deixou unha fonda pegada; perdeu moita poboación e, a pesar da práctica desaparición dos movementos emigratorios, seguiu retrocedendo demograficamente debido ao seu notable avellentamento. Non obstante , entre 2001 e 2007 a poboación aumentou nun 2,79%. En 2006 o crecemento natural foi negativo (-17,4‰) froito dunh a moi baixa taxa de natalidade (1,6‰) e unha elevadísima mortalidade (19‰). A poboación menor de 20 anos tan só representa o 8,7%, fronte ao 36,9% dos maiores de 65 anos; o grupo intermedio representa o 54,3%. A poboación está desequilibrada a prol das mulleres, que representan o 55,11% dos residentes fronte ao 44,89%.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Melón é do 29,2% (45,1% a masculina e 16,1% a feminina); a taxa de ocupación é do 23,1% (36,2% a masculina e 12,3% a feminina) e a taxa de paro é do 20,9% (19,7% a masculina e 23,6% a feminina). A agricultura só dá traballo ao 12,4% da man de obra. A superficie cultivada só representa o 9,91% do concello, que é ocupada polo millo, os cultivos forraxeiros e o viñedo. As superficies destinadas a prados e pastos ocupan só o 6,42% do territorio, e a gandaría vacúa destínase á produción de carne na súa práctica totalidade. A pesar de que a industria é, co 24,8% do emprego, a segunda actividade da economía local, non posúe industrias, só pequenos talleres, o que fai que se despracen moitos dos seus residentes a traballar en industrias asentadas na comarca viguesa, na capital provincial ou en Ribadavia. A construción acada o 26,4% da man de obra, debido ao emprego na edificación das vilas e cidades máis próximas. Os servizos acadan o 36,3% e, igualmente, a maioría atopa traballo en concellos próximos. As principais vías de comunicación son a autovía A-52, de Vigo a Benavente, e a N-120, de Logroño a Vigo.
Historia
As primeiras novas documentais sobre o concello remóntanse a 1142, coa doazón por parte do Rei Afonso VII do couto de Melón, que comprendía as parroquias de Melón, Quins e Vilar de Condes, aos monxes cirtercienses do mosteiro francés de Clairvaux, que fundaron o mosteiro de Santa María de Melón. En 1155 os monxes engadiron ás súas posesións o monte Verdugo e o castro de San Cibrán do Monte Real, en 1160 co monte de Bárcena e en 1166 coa veiga de Francelos. Durante o Antigo Réxime as súas parroquias estaban na xurisdición de Melón, señorío do mosteiro. En 1821 incorporou as parroquias do concello de Crecente e pasou a pertencer á provincia de Ourense. A división municipal de 1835 creou o concello de Melón, pertencente ao partido xudicial de Ribadavia e un ano despois estableceuse a súa configuración parroquial.
Patrimonio cultural>
Do seu patrimonio cultural destacan o mosteiro de Santa María, declarado Ben de Interese Cultural (BIC, 1931) e do que se conserva o cruceiro e a ábsida da igrexa, o claustro e algunhas estancias do resto do edificio; o viacrucis de Quins, os petos de ánimas e as cruces de Codesás. O domingo seguinte ao 3 de maio, nos lugares de Tourón e Barcia celébrase a festa do Santo Cristo, na parroquia de Quins, o 13 de xuño a de santo Antonio, e a Asunción e san Roque o 15 e o 16 de agosto, o san Xoán o 24 de xuño no lugar de Negrelle, e san Bertomeu o 24 de agosto en Vilaverde.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | OURENSE |
|---|---|
| Comarca | Ribeiro, O |
| Extensión | 53 Km2 |
| Poboación Total | 1546 h |
| Poboación Homes | 694 h |
| Poboación Mulleres | 852 h |
| Densidade de poboación | 29.17 h/Km2 |