Méndez Ferrín, Xosé Luís
(Ourense 7.9.1938) Escritor e profesor. Doutor en Filoloxía e catedrático de Literatura Galega de Ensino Medio, colaborou en diversas iniciativas políticas e culturais da sociedade galega, como o grupo Brais Pinto, creado en 1957 en Madrid, ou as Redes Escarlata, establecidas en 2001. Participou na fundación da UPG e avanzou nun activismo político marxista que lle levou tamén a intervir na formación da ANPG, a UPG liña proletaria, o PGP e Galicia Ceibe. Fundador e director da revista A Trabe de Ouro, colaborou xa desde moi novo en diversas publicacións periódicas, como Alba, Faro de Vigo, Litoral, La Noche, La Trinchera e Vieiros. Moitas das súas composicións poéticas, narracións e artigos xornalísticos foron asinados cos heterónimos de Heriberto Bens, Laín Feixóo ou Dosinda Areses. O conxunto da súa obra, practicamente marcada pola súa ideoloxía e o seu activismo político, abrangue unha multiplicidade de temas, espacios e circunstancias dunha enorme riqueza literaria e de pensamento. Por unha banda, influíu notablemente o seu coñecemento do mundo e de Europa, así como o seu interese pola ideoloxía marxista e a denuncia das desigualdades sociais. Asemade, cómpre salientar as influencias que recibiu na súa infancia e adolescencia, como Vilanova dos Infantes, o seu lugar de evasión, vacacións e soños; a cinematografía, unha afección herdada directamente dos seus pais; a entomoloxía, que plasmou de forma clara en moitos dos seus escritos; e algúns dos seus profesores, como Francisco Cerviño ou R. Otero Pedrayo, que lle fixeron reflexionar sobre a importancia da lingua galega e da súa literatura, e, en definitiva, da historia de Galicia. Formado nun ambiente hostil por mor da ditadura franquista, que o levou á cadea en varias ocasións, desde o principio asumiu con certo protagonismo a liña máis radical do nacionalismo galego da década de 1970. A esas reivindicacións políticas e dramáticas experiencias de fuxido sumou na súa obra outros temas como o existencialismo, o celtismo, o atlantismo ou a materia de Bretaña, e mesmo as liñas marcadas por grandes creadores como Julio Cortázar, Jorge L. Borges, E. A. Poe, H. P. Lovecraft ou Franz Kafka. A súa liña poética, marcada inicialmente pola súa pertenza á Xeración das Festas Minervais, continuou o seu desenvolvemento ligada á Escola da Tebra, coa que está relacionada a súa primeira colección de poemas, Voce na néboa (1957). Neste punto percorre algúns dos temas máis loados da súa obra, os sentimentos de liberación e opresión, o amor, a nostalxia e a soidade, todos eles camiñando entre a épica e o mito. Das súas obras poéticas destacan Antoloxía popular (1972), asinado co heterónimo de Heriberto Bens, Sirventés pola destrución de Occitania (1975), Con pólvora e magnolias (1976, Premio Nacional da Crítica 1977), baixo a influencia do grupo poético Rompente e unha das achegas poéticas máis significativas da posguerra; Poesía enteira de Heriberto Bens (1980), que recolle moitas das súas colaboracións en revistas e xornais da década de 1970; O fin dun canto (1982), onde a presenza da morte é constante; Erótica (1992), Estirpe (1994, Premio Losada Diéguez 1995), onde aparece reflectido o estilo elexíaco de E. Pondal; e O outro (2002), con ilustracións de Manuel Facal. Das súas obras narrativas destacan Percival e outras historias (1958), premiada polo Centro Galego de Bos Aires e que se inclúe dentro da Nova Narrativa; O crepúsculo e as formigas (1961), escolma de pequenas historias chea de personaxes con trazos patolóxicos onde a violencia e a fantasía fan acto de presencia; Arrabaldo do norte (1964), que segue as liñas do Nouveau Roman e asoma a través dun personaxe que se autodestrúe un universo temático único nas letras galegas; Retorno a Tagen Ata (1971), Elipsis e outras sombras (1974), Crónica de nós (1980), Amor de Artur (1982), Arnoia, Arnoia (1985), Bretaña, Esmeraldina (1987, Premio da Crítica de Galicia 1988), en que a través dunha serie de cartas e co manexo de símbolos, o autor reflicte o mundo do cárcere; Arraianos (1991, Premio da Crítica de Galicia 1992, Premio Losada Diéguez e Premio de la Crítica Española), unha obra que camiña entre a realidade e a fantasía na fronteira galego-portuguesa; e No ventre do silencio (1999, Premio Eixo Atlántico, Premio de la Crítica Española 2000 e Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega 2000). Ademais da lírica e da narrativa, desenvolveu o seu labor como ensaísta e crítico literario, tal e como se reflicte na edición crítica do Cancioneiro de Pero Meogo (1966) e na publicación de De Pondal a Novoneyra (1984). Autor do texto do libro de cidades Vigo, fronteira do alén (1988), con fotografías de Xulio Gil, introduciuse tamén no terreo da dramaturxia coa peza Celtas sen filtro, realizada en colaboración co grupo Artello e representada en 1983. Ademais, publicou Un escritor nos xornais: artigos periodísticos (2000), con prólogo de Margarita Ledo Andión; Co son honrado das antigas falas (2001), para a Fundación Otero Pedrayo; e participou no volume colectivo Xuro que nunca volverei pasar fame: poesía escarlata (2003). Membro da Real Academia Galega (2000) e doutor honoris causa da Universidade de Vigo (1999), foi candidato pola Asociación de Escritores en Lingua Galega para o Premio Nobel de Literatura (1999). En 2010 foi elixido presidente da Real Academia Galega.