Merca, A
Concello da comarca de Terra de Celanova, situado na provincia de Ourense no S da Comunidade Autónoma de Galicia e no centro-oeste da provincia de Ourense. A súa posición xeográfica é de 42° 13’ 20’’ de latitude N e 7° 54’ de lonxitude O. Limita ao N cos concellos de Barbadás e San Cibrao das Viñas (comarca de Ourense), ao L cos de Taboadela (comarca de Ourense) e Allariz (comarca de Allariz-Maceda), ao S co da Bola (comarca de Terra de Celanova) e ao O cos de Celanova e Cartelle (comarca de Terra de Celanova). Abrangue unha superficie de 51 km 2 , cunha poboación de 2.269 h (2007) distribuídos nas parroquias de Corvillón, Entrambosríos, Faramontaos, A Manchica, A Merca, A Mezquita, Olás de Vilariño, Parderrubias, Pereira de Montes, Proente, San Vitoiro da Mezquita e Zarracós. A capital está na vila da Merca, na parroquia homónima, localizada a unha distancia de 130 km de Santiago de Compostela e a 15 km de Ourense. Está adscrito á diocese de Ourense e ao partido xudicial de Celanova.
Xeografía física
No concello, situado na transición entre a depresión de Ourense e o val do Arnoia, dominan os materiais graníticos e formas moi suaves en que as pendentes non son moi pronunciadas. A altitude media vai medrando de N a S e distínguese un compartimento bastante complexo froito do seu carácter de transición. O seu extremo N coincide cos rebordos meridionais da depresión ourensá. Entre a depresión de Ourense e o val do Arnoia disponse unha aliñación montañosa de escasa entidade que ten unha dirección NO-SL e que con altitudes comprendidas entre os 400 e os 600 m ocupa a porción central e setentrional do concello. O S está repartido entre o val do Arnoia, estreita franxa de terreo con altitudes comprendidas entre os 300 e os 400 m e, xa no seu extremo meridional, os montes de Barracel, que a separan da depresión do Limia, caracterizados polas fortes pendentes, ao pasar en 3 km escasos, de 400 m a máis de 800 m, como no monte Barracel (856 m). O concello da Merca está situado no dominio climático oceánico continental. O principal trazo é o illamento respecto á influencia mariña, que tamén se ve condicionado por unha altitude media notable que inflúe no seu réxime térmico. A temperatura media anual é de 12°C, cunha media en xaneiro de 6,5°C e en xullo de 19,2°C. A amplitude térmica extrema chega aos 24,7°C. A precipitación media anual é de 1.038 mm, cunha distribución estacional caracterizada pola concentración no inverno, cun 37% das precipitacións, fronte a unha notable seca estival, con só o 7%; e con valores intermedios no outono, cun 29%, e na primavera, co 26%. A vexetación clímax (cerqueiros e castiñeiros) está moi degradada pola acción antrópica, substituída por mato e bosques de piñeiros.
Xeografía humana
A poboación viviu un moderado crecemento ata 1940, momento en que acadou o seu máximo demográfico. A partir dese ano comezou unha depresión demográfica que reduciu a menos da metade os efectivos que tiña a comezos do s XX. Entre 1900 e 1920 viviu anos de estancamento demográfico (0,06% de crecemento interanual), que contrastan co forte ascenso nas décadas de 1920 e 1930, cando acadou unha taxa de incremento interanual do 1,13%. Entre 1940 e 1950 houbo un momento de descenso (-0,35% interanual), acelerado entre 1950 e 1960 (-1,84% interanual), que refreou entre 1960 e 1970 (-0,44%). A década de 1970 foi de leve recuperación, rexistrando un comportamento positivo cifrado no 0,68% de crecemento interanual. En 1981 retomou as perdas demográficas, alcanzando un -4,55% interanual, que se suavizaron entre 1991 e 2001 ao pasar a unha taxa de crecemento interanual do -1,14%. Entre 2001 e 2007 o descenso da poboación cifrouse no -6,20%. Trátase dun concello en que se acumularon decenios de continua emigración, tanto ultramariña, ata mediados do s XX, coma cara a Europa e ao resto de España e de Galicia, en especial á capital ourensá. En 2006 o crecemento naturalf oi negativo (-13,4‰). O resultado deste proceso é un acusado avellentamento en que tan só o 7.7% da poboación ten menos de 20 anos e o 38,4% sobrepasa os 654 anos de idade;o grupo intermedio representa o 53,9%. Na distribución por sexos, as mulleres representan o 52,27% da poboación fronte ao 47,73% de homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello da Merca é do 37,8% (51,1% a masculina e 26% a feminina); a taxa de ocupación é do 32,3% (44,2% a masculina e 21,6% a feminina) e a taxa de paro é do 14,7% (13,5% a masculina e 16,8% a feminina). A agricultura conta cun peso relevante dentro da economía local, pois nela traballan o 11,4% da man de obra. A superficie cultivada esténdese só no 6,41% do seu territorio, sobresaen o millo, os cultivos forraxeiros e a pataca. O espazo destinado a prados e pastos supón o 21,84% da súa superficie. O gando vacún repártese equitativamente entre o destinado á produción de carne e de leite. O porcino, dedicado a reprodución e a cebo, adquiriu gran relevancia grazas ao labor da cooperativa COREN. A industria ocupa ao 16,3% da poboación, principalmente nas empresas de fabricación de materiais de construción. A construción dá traballo ao 17,7% da man de obra, que desenvolven o seu labor en Ourense, Allariz e Celanova. Os servizos son o principal sector económico, co 54,6% dos ocupados, que traballan en cidades e vilas próximas ou nos lugares da Merca ou A Manchica. As principais vías de comunicación son as estradas N-540, entre Lugo e Portugal, e a estrada local que une A Manchica con Allariz.
Historia
Os restos máis antigos de ocupación destas terras compóñenos numerosos vestixios castrexos situados ao redor do río Arnoia. Consérvanse os castros da Peneda da Lebre na Merca, o de Outeiro de San Marcos na Mezquita, o de Olás en Olás de Vilariño e o da Rodela, entre Faramontaos e o concello de Celanova. Na época da romanización o concello foi atravesado pola vía romana que unía Lugo con Braga, feito que favoreceu unha intensa adaptación á nova cultura. Xa na Idade Media estivo vinculado ao labor colonizador dos monxes do mosteiro bieito de San Salvador de Celanova. Durante o Antigo Réxime o territorio do concello repartíase entre as xurisdicións de Allariz, señorío do marqués de Malpica; Entrambosríos, señorío de Diego de Sierra; A Mezquita, señorío do conde de Monterrei; Proente e Faramontaos, señorío de Sancho de Neira e do bispo de Valladolid; Sobrado do Bispo, señorío do bispo de Ourense e de Manuel Mosquera; Soutomaior, señorío do marqués de San Sadurniño; Vilariño do Campo, señorío do conde de Maceda; ademais do couto redondo de Vilar de Paio Muñiz, señorío do marqués de Aranda. Todas estas xurisdicións pertencían á provincia de Ourense. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Daquela creáronse os concellos da Merca e Vilariño. En 1823 Fernando VII derrogou a constitución, o que supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835 cando se constituíu o concello da Merca e desapareceu o de Vilariño. En 1845 segregáronse as parroquias de Coedo e Torneiros, que foron incluídas en Allariz, e en 1953 agregouse a da Manchica, que se segregou da de Parderrubias. Sempre pertenceu ao partido xudicial de Celanova, agás entre 1965 e 1988, que pertenceu ao de Ourense.
Patrimonio cultural>
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, no eido da arquitectura relixiosa destacan as igrexas parroquiais de San Pedro da Mezquita (s XII), declarada Ben de Interese Cultural (BIC) ;en 1931, a de Santa María de Corvillón, a de Santa María da Merca, a de Santa Olaia de Parderrubias e a de Santo André de Zarracós, todas elas do s XVIII. Da arquitectura civil sobresaen a casa da Rapela en Salpurido (Zarracós) e o pazo de Santa María en Olás de Vilariño. Destaca tamén, dentro da arquitectura defensiva, a torre da Mezquita, da que só se conserva a parte inferior. Ademais, os hórreos da parroquia da Merca constitúen unha interesante mostra de arquitectura popular. Entre as festas pagás que teñen lugar no concello a máis destacada é a do Entroido, ao que acoden os vecinos de Froxás das Viñas (Proente) vestidos de Mecos e se enfrontan aos Galos da Mezquita. Das festas sacras destaca a da festividade do Espírito Santo.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | OURENSE |
|---|---|
| Comarca | Terra de Celanova |
| Extensión | 50 Km2 |
| Poboación Total | 2269 h |
| Poboación Homes | 1083 h |
| Poboación Mulleres | 1186 h |
| Densidade de poboación | 45.38 h/Km2 |