Mercado Común del Cono Sur

Mercado Común del Cono Sur
Nome científico: [MERCOSUR]

Acordo subrexional de integración de carácter intergobernamental firmado por Arxentina, Brasil, Paraguay e Uruguay para a constitución dun mercado común. Naceu do Tratado de Asunción o 26 de marzo de 1991 e tivo como principal obxectivo aumentar o grao de eficiencia das economías involucradas ampliando as actuais dimensións dos seus mercados e acelerando o seu desenvolvemento económico mediante o aproveitamento eficaz dos recursos dispoñibles, a preservación do medio natural, o melloramento das comunicacións, a coordinación das políticas macroeconómicas e a complementación dos diferentes sectores das súas economías. O Tratado de Asunción foi un acordo con vocación rexional, pois quedou aberto á adhesión dos demais estados membros da ALADI e un acordo de integración económica, xa que estableceu un programa de liberación comercial, a coordinación de políticas macroeconómicas e un arancel externo común, así como outros instrumentos da regulación do comercio. No cumio de presidentes de Ouro Preto (1994), aprobouse un protocolo adicional ao Tratado de Asunción que definiu a seguinte estrutura institucional: o Consejo del Mercado Común (CMC), órgano superior ao que incumbe a condución política do proceso de integración e a toma de decisións; o Grupo Mercado Común (GMC), órgano executivo de MERCOSUR; a Comisión de Comercio de MERCOSUR (CCM), órgano encargado de asistir ao GMC, ao que lle compete especificamente velar pola aplicación dos instrumentos de política comercial común; a Comisión Parlamentaria Conjunta (CPC), órgano representativo dos parlamentos dos países do MERCOSUR cuxa función é procurar acelerar os procedementos internos de cada país; o Foro Consultivo Económico Social (FCES), órgano de representación dos sectores económicos e sociais que establece recomendacións ao GMC; e a Secretaría Administrativa de MERCOSUR (SAM), órgano de apoio operativo e responsable da prestación de servizos aos demais órganos do MERCOSUR. A creación dun mercado común foi só parcialmente logrado, e a unión aduaneira non é total xa que non abarca aínda a totalidade dos produtos e da produción. Tampouco existe unha libre circulación de factores e persoas, nin se avanzou demasiado na harmonización de políticas macroeconómicas ou en dotar de competencia suficiente aos seus órganos institucionais.