Mesa prá Defensa del Galego de Asturias e da Cultura da Comarca
Organización que ten como obxectivo primordial a promoción do uso do galego e a procura do recoñecemento oficial polas autoridades asturianas para os 18 concellos más occidentais do Principado de Asturias onde se fala o galego. Celebrou, en Grandas de Salime, o seu congreso fundacional o 30 de outubro de 1988, despois da autodisolución do Grupo de Eilao Pro-Defensa da Nosa Lingua. Criticou desde o seu nacemento o uso das equívocas denominacións oficiais astur-galaico e gallego-asturiano, así como o emprego do impreciso termo fala e do pexorativo falía, todas elas para se referir á lingua galega dos concellos máis occidentais de Asturias. En setembro de 1990 a MDGA publicou as Normas ortográficas e morfolóxicas del galego de Asturias e organizou, en decembro de 1990, as I Xornadas da Lingua e da Cultura Galega de Asturias: Na busca das raíces da Terra Navia-Eo. En marzo de 1992 comezou a publicación da revista A Freita, órgano difusor da MDGA, onde, con carácter divulgativo, se trataban temas lingüísticos e socioculturais relativos á Terra Navia-Eo, escritos “en galego de Asturias ou a todo máis en galego normativo”. En nadal de 1994 a MDGA publicou o nº 1 de Britonia. Revista de Estudios da Terra Navia-Eo, revista en formato libro. En setembro de 1991 comezou a editar a colección Castelo das Letras de libros de literatura infantil con títulos como El Xabaril que quería engalar, Contos populares da Terra Navia-Eo (1992), A odisea de Perexil (2002) e Debaxo de Nabis, Sapis (2002).