mesomería
(< meso- + -mería)
Propiedade de certas substancias pola que non poden ser representadas mediante unha única fórmula estrutural de tipo convencional que defina as propiedades dunha forma característica. Un composto que presenta mesomería defínese como un híbrido de resonancia ou estado mesomérico dunha mesma substancia, e a súa fórmula represéntase mediante as diversas formas posibles separadas co signo ↔ As formas mesómeras dunha mesma substancia, denominadas tamén formas límite ou en resonancia, difiren na distribución dos electróns de enlace, onde algúns deles se desprazan do átomo (efecto mesomérico) ou os átomos ocupan as mesmas posicións nas dúas formas. O estado real da molécula é intermedio entre os estados representados por cada unha das estruturas, pero cada unha das formas de resonancia por separado non ten realidade física. As moléculas con resonancia presentan unha enerxía inferior á prevista polo cálculo, coñecida como enerxía de estabilización ou de resonancia. OBS: Tamén se denomina mesomerismo.