Mesonero Romanos, Ramón de
(Madrid 19.02.1803 - 30.03.1882) Escritor. Iniciouse no campo da dramaturxia refundindo textos doutros autores, como Tirso de Molina ou Lope de Vega. Froito dese traballo foi a peza La señora de protección (1828). Colaborador da Revista española, especializouse na publicación de artigos costumistas co pseudónimo de El Curioso Parlante e fundou (1836) e dirixiu o Semanario pintoresco español. Influído por F. de Quevedo e R. de la Cruz, opúxose ao interese pola política do seu tempo e foi o promotor do costumismo español. No apartado sociopolítico foi deputado (1858) e cronista de Madrid (1864). Reflectiu de maneira maxistral escenas típicas do Madrid do s XIX, algunhas delas descritas en Manual de Madrid. Descripción de la Corte y de la Villa (1832). Da súa obra destacan fundamentalmente os seus artigos, recollidos en tres volumes, Panorama matritense (1835), Escenas matritenses (1842) e Tipos y caracteres (1862). Tamén publicou Recuerdos de viaje por Francia y Bélgica en 1840 y 1841 (1841), El antiguo Madrid (1861) e Memorias de un setentón (1880), onde analiza cuestións relacionadas coa vida literaria e política da época. Foi membro da Real Academia Española.