mesopotámico -ca

mesopotámico -ca

(< topónimo Mesopotamia)

  1. adx

    Relativo ou pertencente a Mesopotamia ou aos seus habitantes.

  2. s

    Natural ou habitante de Mesopotamia.

  3. arte mesopotámica [ARTE]

    Arte desenvolvida en Mesopotamia. A escaseza de pedra e madeira fixo que o material máis empregado fose o barro e que se desenvolvesen o tapial, o adobe e o ladrillo. Coa disposición radial deste apareceu o arco, e coa súa sucesión a bóveda. Os diversos pobos establecidos no territorio (acadios, asirios, babilonios e sumerios) mostraron as súas diferenzas nas formas artísticas. Os sumerios construíron templos de planta rectangular ou cuadrangular, erixidos sobre plataformas, cun ou varios patios interiores, como o de Uruk. A finais do III milenio creouse o cigurat, torre de chanzos de forma piramidal que acolle un templo na súa parte superior, do que destaca o de Ur. Da arquitectura babilónica é característica a construción de palacios, entre eles o de Mari, e da época asiria o palacio de Sargón. Os asirios destacaron tamén na planificación urbana, e consérvanse esculturas en vulto redondo e en relevo. Mentres que a escultura sumeria é de carácter relixioso, a asiria ten unha función política de exaltación dos soberanos. Consérvanse pequenas estatuas votivas sumerias caracterizadas polo hieratismo. Os acadios introduciron as estelas, das que destacan a de Naram-Sin e de Hammurabi, de época babilónica. No eido da escultura exenta destaca a figura de Gudea, príncipe e sacerdote de Lagas. A escultura asiria empregou un canon máis alongado e acompañou as representacións con símbolos de dominio dos soberanos, e foi sobresaliente na realización de relevos en que se mesturan o realismo na representación dos animais coa rixidez das representacións humanas. Os máis relevantes son as escenas de caza de Asurbanipal. Na época de Acad (2371-2191 a C) desenvolveuse a glíptica,  en que destacou a técnica da baldosa esmaltada neobabilónica.

  4. literatura mesopotámica [LIT]

    Conxunto de literaturas desenvolvidas en Mesopotamia, que comprenden a sumeria, escrita nesta lingua, e a asirio-babilónica, escrita en asirio e babilónico. Consérvase basicamente en táboas de arxila. Nas composicións emprégase unha linguaxe metafórica, elegante e chea de elementos repetitivos. Das súas características destacan a preponderancia da  poesía sobre a prosa,  o predominio da épica e da mitoloxía  sobre os outros xéneros, a presenza da relixión e da maxia, a obsesión pola inmortalidade e a vida no mundo inferior, a concepción do home como guerreiro destinado polos deuses ao cumprimento dun destino fatal e o anonimato da obra literaria. Por outra banda, tamén se tratan temas relacionados coas ocupacións cotiás dos mesopotámicos, especialmente o pastoreo e os cultivos agrícolas. Das obras cómpre salientar o poema épico de Gilgameš, onde  se narran acontecementos da vida deste rei de Uruk e do seu amigo Enkidu, creado polos deuses para opoñerse a el, e onde aparece a lenda do diluvio; o Código de Hammurabi, onde se inclúen unha serie de leis do Rei Hammurabi baseadas na Lei de Talión; e o poema da creación, en que o deus Marduk crea o home e o mundo.

  5. relixión mesopotámica [RELIX]

    Relixión propia da antiga Mesopotamia. Componse basicamente da sumeria, modificada polos babilonios e os asirios e caracterízase polo politeísmo, a importancia de culto e a forte xerarquización do panteón. Entre as divindades sumerias, destacaba a tríade de deuses maiores composta por Anu (o Ceo ou o firmamento, o pai dos deuses), Enlil (o aire, fillo de Anu e deus do destino) e Enki (a terra ou o mar, deus do océano subterráneo e da profundidade). Cando os acadios acadaron o poder con Sargón I de Acad, adoptaron as mesmas deidades e cambiáronlles os nomes e, co tempo, a relixión babilónica impúxose sobre as crenzas asirias. As divindades babilónicas formaban a tríade de deidades astrais composta por Šamaš (o Sol, deus da xustiza), Sin (a Lúa) e Ištar (a estrela Venus, deusa do amor e da guerra). Cando apareceron os estados unitarios a partir do s II a C produciuse unha xerarquización dos deuses e cada estado escolleu o seu deus protector. Destacaron Assur en Asiria, Marduk en Babilonia, Enlil en Nippur e Ištar en Acad. En canto aos deuses do mundo subterráneo, a vida de ultratumba estaba controlada por Ereškigal, deusa do inferno, e o seu home Nergal, o deus da peste. Ademais existía a crenza en demos e espíritos maléficos que provocaban enfermidades. A adiviñación e a maxia tamén estaban relacionadas coa relixión e eran unha forma de comunicación cos deuses.

Palabras veciñas

Mesoplodon | Mesopotamia | Mesopotamia | mesopotámico -ca | Mesoproterozoico | mesoproterozoico -ca | mesorrecto