metralladora
(< metralla)
Arma automática de tiro rápido e tenso. O calibre pode chegar ata os 20 mm, e a partir deste ata os 40 mm son considerados canóns automáticos. As primeiras metralladoras non eran automáticas, tiñan diversos canóns, xiratorios como nas metralladoras Gatling (EE UU 1862) ou fixos como nas Gardner e Nordenfelt, e eran accionados á man, con manivela ou panca. A. Maxim (1884) innovou o automatismo, que se conseguiu polo retroceso do tiro e cun só canón, refrixerado por auga. A partir dos modelos Colt, Browning e Hotchkiss, refrixerados por aire, o automatismo proveu dunha parte dos gases da pólvora. As metralladoras sempre utilizaron o mesmo cartucho que os fusís. Despois da Segunda Guerra Mundial impúxose a metralladora de 7’62 mm cun peso de 10 kg, máis o bípode ou o trípode e requería un equipo de dúas ou tres persoas para o seu manexo. A partir da década de 1980 as metralladoras clasificáronse en lixeiras (5’56 mm, 7 kg, manexables por unha persoa e que disparan series curtas, de 1.200 tiros por minuto), medias (7’62 mm) e pesadas (12’70 mm, montadas en vehículos acoirazados).