métrica

métrica

(< lat [ars] metrĭca < gr μετρική [τέχνη])

  1. [LIT]
    1. s f

      Técnica que estuda a medida do verso segundo o número de sílabas que o compoñen, as diferentes combinacións e os seus tipos. A métrica grega e latina, que deriva da primeira, fundaméntanse na cantidade das sílabas, que podían ser longas (¯) ou breves (˘) (métrica cuantitativa). Unha agrupación determinada de sílabas longas e breves formaban os pés métricos, e dun conxunto destes obtíñase como resultado o verso, que se agrupaban en estrofas. Os versos dunha lonxitude determinada adoptaron a cesura, pausa ou ruptura marcada dentro do verso, que o divide en dous hemistiquios. Cada pé constaba dun tempo forte ou marcado (arsi) e dun tempo feble (tesi). Non está moi clara a orixe da métrica grega, pero si se pode facer un seguimento de como os romanos foron tomando as formas métricas gregas e as trasladaron ao seu sistema. Dentro da métrica latina tan só hai un verso que se coñeza que non sexa de orixe grega, o saturni. A evolución da lingua latina fixo que se fose perdendo o sentido da cantidade silábica, e que a partir dos ss XI-XII, ao ir adquirindo a lingua vulgar a condición de literaria, se fose adoptando gradualmente unha métrica baseada no acento e no número de sílabas de cada verso (métrica silábica). O cómputo silabico está condicionado por diferentes fenómenos como a sinalefa, a sinérese, a diérese ou o hiato. O verso denomínase segundo o seu número de sílabas (bisílabo, trisílabo, etc) e agrúpanse en versos de arte maior (ata 8 sílabas, inclusive) e de arte menor (máis de 8 sílabas), e os acentos determinan o ritmo do verso e o verso mesmo, e cada verso dunha certa extensión, segundo o ritmo, ten polo menos dous acentos, un obrigatorio, o último do verso, e outro flutuante nas primeiras sílabas. En relación coa medida dos versos está a cesura, se é necesaria, e en relación co verso autónomo e co decurso dentro das combinacións versais, a pausa métrica. Os versos definidos polos seus elementos rítmicos e medidos por un número fixo de sílabas con forma regular, son denominados isosilábicos, mentres que os irregulares e flutuantes, aínda que completos desde o punto de vista rítmico, son denominados anisosilábicos. Outro elemento importante é a rima, que constituíu un fenómeno marxinal da métrica propiamente dita, e que caeu no terreo da realización artística. A combinación métrica (estrofa) é unha organización rítmica unitaria que pode ser autónoma como resultado da unión de diferentes versos, e que admite diversas e variadas formas, que van desde a serie elemental de versos e grupos regulares a estrofas propiamente ditas, que se estruturan en composicións de estrofismo aberto ou en poemas de forma fixa.

    2. combinación métrica

      Organizacións rítmicas unitarias e a miúdo autónomas, que proveñen do enlace de diferentes versos. A forma máis elemental é a serie de versos monorrimos, empregada pola canción de xesta e outros xéneros poéticos narrativos. Esta forma evolucionou de diferentes xeitos, en especial pola bipartición de versos longos en dous curtos, dos que os pares levan a rima e os impares quedan libres (como o romance heptasílabo castelán). As primeiras manifestacións de métrica peninsular son de tipo tradicional e xograresco, baseadas no verso octosílabo, no anisosilabismo, na asonancia, no pareado e nas series ou tiradas monorrimas, que poden organizarse en grupos co mesmo número de sílabas ao longo do poema, formando estrofas rudimentarias. A combinación de tres versos pode formar unha estrofa autónoma como o refrán ou outras agrupacións que posúen unidade conceptual, pero correntemente limítase a organizarse en estruturas máis amplas e estables. O estrofismo toma unha maior consistencia a partir da combinación de catro versos, enlazados por dúas rimas. No s XIII xurdiu a métrica culta en lingua romance a través do mester de clerecía, baseada nos versos alexandrinos, na consonancia e no cuarteto monorrimo. A estrofa de cinco versos combina dúas rimas. A estrofa de seis, na Idade Media, estaba constituída pola unión de dous tercetos ou pola alternancia de dúas rimas, sempre en metros curtos; pero a partir do Renacemento obtivo unha maior fixación e riqueza métrica. A estrofa de dous versos curtos presentou un bo número de combinacións (copla real, décima, etc). As estrofas de sete, nove e doce versos, como tamén o lai, foron pouco estables. Nos poemas de forma fixa, formados por un refrán, colocado na cabeza da peza, e por estrofas que o comentan, o canto individual (estrofa) e o colectivo (refrán), dependen da forma estrófica adoptada e da incidencia do refrán sobre ela (rondó, virelai). No s XVI produciuse unha gran revolución métrica co cambio das tendencias peninsulares e a introdución de formas estranxeiras como o hendecasílabo procedente de Italia, substituto do hexámetro latino, e de estrofas como a lira e o soneto, aínda que continuou con forza a poesía de tipo popular e cortesán, co octosílabo, empregado sobre todo en décimas. Os esquemas métricos da lírica galego-portuguesa proveñen na súa maioría da lírica provenzal, onde as cobras se agrupan en cantigas, de mestría ou de refrán, e poden ser de varios tipos, como as cobras unisonantes, singulares, dobras, ternas, alternas, capcaudadas, capdenais, capfinidas e retrogradadas.

  2. s f [MÚS]

    Organización do ritmo en unidades temporais de niveis diferentes relacionados entre si. Para poder falar de métrica, unha destas unidades temporais deberá ser, como mínimo, un pulso regular. Os diferentes niveis de unidades temporais, que se poder expresar con diferentes niveis de pulsacións, e as súas relacións, polo xeral binarias ou ternarias, configuran o sistema métrico, que é o que permite entender e medir o mesmo ritmo que xerou, é dicir, o ritmo dá as pautas para medilo, e medilo quere dicir entendelo. Polo xeral, a pulsación que se toma como base denomínase tempo, as súas partes subdivisións, e a agrupación dos tempos nunha unidade superior recibe o nome de compás. A fracción que indica o compás expresa as relacións métricas entre tres niveis: nos compases simples, de numerador 2, 3 ou 4, a relación entre o tempo e a subdivisión é binaria ou cuaternaria, mentres que nos compostos, de numerador 6, 9 ou 12, é ternaria; os compases de numerador 2 e 6 expresan unha relación binaria entre tempo e compás, os de numerador 3 e 9 unha relación ternaria e os de numerador 4 e 12 cuaternaria.

Audio :

Palabras veciñas

metrallar | metralleta | metraxe | métrica | métrico -ca | metrite | 1 metro