mexicano -na

mexicano -na

(< topónimo México)

  1. adx

    Relativo ou pertencente a México ou aos seus habitantes.

  2. s

    Natural ou habitante de México.

  3. arte mexicana

    Arte que se desenvolveu en México. Os principais restos da civilización olmeca atópanse na cidade de La Venta, onde destaca a pirámide, e as monumentais cabezas de pedra e outras figuras humanas e de animais. En Teotihuacán destacan as pirámides do Sol e da Luna e o templo de Quetzalcóatl. Da época azteca destaca a cidade de Tenochtitlán, o santuario rupestre de Malinalco, os relevos que decoran os templos e as representacións escultóricas dos deuses. No s XVI os gobernantes e os relixiosos chegados para evanxelizar os indíxenas, erixiron, en estilo renacentista, os primeiros conventos como o de Cholula de Rivadabia e Tula; catedrais como a de Puebla, Mérida e Guadalupe; e edificios civís, dos que destacan o palacio do goberno en Tlaxcala, a fachada da residencia gobernamental en Mérida e o palacio de Cortés en Cuernavaca. No ámbito da pintura destaca a obra mural do mosteiro de San Agustín de Acolman. No s XVII o barroco de tradición hispánica uniuse ao exuberante gusto local e deu como resultado a construción de edificios como a catedral de Ciudad de México, a igrexa de Santo Domingo en Oaxaca e a de San Francisco en Puebla. O churrigueresco deu froitos no s XVIII coa igrexa da Santísima Trinidad en Ciudad de México e de San Francisco en Guadalajara. Os pintores máis importantes foron M. Cabrera e J. Ibarra. No s XIX o neoclasicismo impúxose grazas á obra de M. Tolsa, que rematou a catedral en Ciudad de México e fixo a escola de minaría, e do seu discípulo E. Tresquerras, que fixo a igrexa do Carmen en Celaya. A escultura e a pintura do momento estiveron dominadas polo grupo da escola nazarena. No s XX, destacou en arquitectura a construción da cidade universitaria de México (1949-1957), mentres que na arte pictórica destacou a pintura mural, representada por D. Rivera, J. C. Orozco, D. A. Siqueiros e R. Tamayo que, xunto con G. Murillo e Francisco Goitia, impulsaron esta arte.

  4. cine mexicano [IMAX]

    Arte cinematográfica desenvolvida en México. O introdutor do cine no país foi o enxeñeiro Salvador Toscano Barragán, que en 1896 creou a primeira sala de exhibición. Coa chegada do son, o cine mexicano situouse á cabeza da produción hispanoamericana, que entrou na súa “época de ouro” (1935-1955). En 1946 o cine mexicano deuse a coñecer internacionalmente co premio obtido no festival de Cannes por María Candelaria, de Emilio Fernández. Esta etapa de florecemento xerou os nomes de Mario Moreno Cantinflas, María Félix, Jorge Negrete ou Pedro Infante. As décadas de 1950 e 1960 foron de crise, que se intentou resolver coa promoción de realizadores novos, mediante o Concurso de Cine Experimental de Largometraje (1965). Durante este período o sector máis importante do cine mexicano estivo constituído por realizadores españois, como Luis Buñuel (Los olvidados, 1950; El ángel exterminador, 1962; Simón del desierto, 1965), Luis Alcoriza (Los jóvenes, 1961) ou o galego Carlos Velo (Torero, 1956). En 1963 creouse o Centro Universitario de Estudios Cinematográficos, que promoveu a aparición dunha xeración de novos cineastas como A. Isaac (En este pueblo no hay ladrones, 1964) ou Rubén Gómez (La fórmula secreta, 1964). A crise política de 1968 desencadeou unha crise cinematográfica que o novo goberno tentou paliar coa creación do Banco Nacional de Cine. Abriuse paso, así, a un “novo cine mexicano”, do que destacan os nomes de Arturo Ripstein (Cadena perpetua, 1979), Felipe Cazals (El año de la peste, 1979), Jorge Fons (Los cachorros, 1971), Jaime Humberto Hermosillo (El amor libre, 1978) e Paul Leduc (Etnocidio, notas sobre el mezquital, 1977). Ao longo da década de 1980 predominou unha produción dunha escasa calidade, destinada ao consumo local ou aos mercados hispanos en EE UU. A finais desta década e ata 1992, conxuntamente cun descenso do número de filmes producidos, detectouse un aumento cualitativo, con cineastas como Jaime Humberto Hermosillo (La tarea, 1990), Arturo Ripstein (Mentiras piadosas, 1987; La mujer del puerto, 1991), Juan Antonio de la Riva (El triste juego del amor, 1989), Alfonso Arau (Como agua para chocolate, 1992), Nicolás Echevarría (Cabeza de Vaca, 1991) ou José Buil (La leyenda de una máscara, 1991). A década de 1990 veu marcada pola aprobación da Ley de Cinematografía (1992 -1998), claramente prexudicial para os intereses dos produtores, o que provocou unha nova crise, da que sobreviviron cineastas como Jorge Fons (El callejón de los milagros, 1995). A súa derrogación provocou unha nova onda de cine de calidade. Dos novos directores do s XXI destacan Antonio Serrano (Sexo, pudor y lágrimas, 1999), María del Carmen Lara (En el país de no pasa nada, 2000), Dana Rotberg (Otilia Rauda, 2001) ou Alejandro González Iñárritu (Amores perros, 2000; 21 gramos, 2003).

  5. literatura mexicana [LIT]

    Literatura elaborada en México, principalmente en castelán, que adoita dividirse en tres etapas. A primeira, denominada época colonial, ten un carácter esencialmente castelán, representada por J. Ruiz de Alarcón; J. Inés de la Cruz, a autora máis destacada do barroco mexicano; J. J. Fernández de Lizarri; L. Alamán e J. Díaz Coverrubias, aínda que hai características autóctonas en autores como Fernando de Alva Ixtilxóchitil (1568-1648), autor da Historia chichimeca (1648); Bernardo de Balbuena, que publicou Grandeza mexicana (1604); e Carlos de Sigüenza, que escribiu Triunfo parténico. A principios do s XIX comezaron a florecer as ideas independentistas e apareceron as primeiras obras de investigación, como a Biblioteca hispano-americana septentrional, de José M. Beristain. Na segunda etapa (1850-1910), na época romántica, floreceu a novela costumista, xénero en que destacaron Manuel Payno, Luis G. Inclán e Vicente Riva. Por outra banda, cómpre salientar o labor dos prosistas románticos Ignacio M. Altamirano, autor de Clemencia (1869), e Ignacio R. Galbán, e os poetas Manuel Acuña e Juan de Dios Pela. Na última década do s XIX déronse os primeiros pasos da renovación modernista, protagonizada polas publicacións Revista Azul (1894), creada por Gutiérrez Nájera, e Revista Moderna (1898-1911), dirixida por Amado Nervo. Na terceira etapa, a época actual evidencia un importante florecemento da literatura mexicana. A narrativa ofrece, entre outros, dous produtos típicos, a denominada “novela de la Revolución”, e as novelas de evocación colonial; destacan El águila y la serpiente (1928), de Martín L. Guzmán e as narracións de Rafael R. Muñoz. En poesía, a partir da renovación do ultraísmo e o surrealismo, destacan José Gorostiza, Carlos Pellicer, R. de la Vega Morante, L. Ramos, M. M. Lira, A. Gutiérrez Hermosillo, B. Ortiz de Montellano e Octavio Paz. A partir de 1928, coa creación do grupo vangardista Ulises, o teatro pasou por unha fase moi destacada, con autores como M. Díaz Barroso, F. Monterde, C. Díaz Duofo e Rodolfo Usigli. A partir de 1950 cómpre sinalar o novo rexurdir da novela posrevolucionaria, dotada de características técnicas e estilísticas renovadas, e representada por novelistas da calidade de J. Agustín Ramírez, Salvador Elizondo, Carlos Fuentes, Juan García Ponce, Vicente Leñero, Fernando del Paso, José Revueltas, Juan Rulfo e Agustín Yáñez; e poetas como Tomás Segovia, F. Cervantes, Homero Aridjis e J. Emilio Pacheco. A literatura mexicana posterior está marcada pola concesión do Premio Nobel de Literatura (1990) ao poeta e ensaísta Octavio Paz, que publicou a súa obra completa en Obra poética (1935-1988) (1990). Dos poetas máis novos destaca a personalidade de Angelina Muñiz e Frida Larra. Finalmente, a estes nomes recoñecidos en todo o mundo, uníronse as achegas dunha nova xeración que reuniu a Gonzalo Celorio, Ángeles Mastretta, Pedro Ángel Palou, Jaime Sabines e Juan Villoro; e os poetas Carmen Boullosa, Isabel Fraire e David Huerta. Tamén destacan, a denominada literatura chicana, que viviu un importante proceso de reafirmación, sobre todo na narrativa desde mediados da década de 1970 (R. Hinojosa, R. Anaya e Oscar Zeta). Co novo século apareceron autores como Rosa Beltrán ou Jorge Volpi.

  6. música mexicana [MÚS]

    Arte musical cultivada en México. Os conquistadores españois atoparon alí unha música autóctona viva e brillante. A capela da catedral de México tiña unha actividade intensa na segunda metade do s XVI. Coa independencia xurdiu un grupo de músicos como Aniceto Ortega (1823-1875), Melesio Morales (1838-1908) ou Felipe Villanueva (1862-1893). Máis tarde destacaron Julián Carrillo (1875-1965) e Manuel M. Ponce (1886-1948), que se aproveitaron da creación do Conservatorio Nacional (1877). A música mexicana converteuse na primeira escola americana grazas a Silvestre Revueltas (1899-1940) e Carlos Chávez (1899-1978). Na música lixeira destacou o bo facer de Agustín Lara (1897-1970). A música folclórica estaba xa moi influída pola hispánica e apareceu a orquestra mariachi, con cantantes chamados tamén mariachis,e as cancións populares mexicanas fixéronse célebres grazas a Jorge Negrete e Pedro Infante. Nos últimos anos do s XX apareceron unha serie de músicos e grupos que triunfaron a nivel mundial, dos que destacan as bandas Maná e Molotov, ou cantantes como Luis Miguel, Paulina Rubio ou Thalía.

Palabras veciñas

Mexía, Pero | mexica | Mexicali | mexicano -na | Mexicano, altiplano | México | México