micénico -ca

micénico -ca

(< topónimo Micenas)

  1. adx

    Relativo ou pertencente a Micenas, aos seus habitantes ou á súa lingua.

  2. s

    Natural ou habitante de Micenas.

  3. s m pl [HIST]

    Civilización que se desenvolveu desde 2000 a C en Grecia continental, en pequenos reinos como Micenas, Tirinto ou Pilos. Baixo o goberno dun monarca (wanax) que era asistido por nobres e altos funcionarios, na escala social figuraban tamén homes libres artesáns e sobre todo campesiños e escravos. Establecían as súas cidades en lugares altos e fortificados con murallas. A partir de 1100 a C, un período de loitas e a invasión dos dorios puxo fin a esta civilización.

  4. s m [LING]

    Lingua de escritura silábica empregada en Grecia (incluída a illa de Creta) entre os ss XV e XII a C.

  5. arte micénica [ARTE]

    Arte desenvolvida principalmente en Micenas, Tirinto e Pilos, durante o período de máis esplendor destes reinos (1600-1100 a C). En arquitectura destacaron polas súas construcións colosais, sobre todo as murallas de tipo ciclópeo, o palacio real cunha gran sala, ou o mégaron. En escultura, sobresae o relevo da Porta dos Leóns que presidía a cidadela, en Micenas. Os frescos representaban escenas de guerra e cazarías. A cerámica, a torno, estaba normalmente pintada con motivos xeométricos e a ourivaría destacou especialmente con obras como a máscara de Agamemnon. Moitas das súas manifestacións artísticas recibiron influencia da arte minoica.

  6. literatura micénica [LIT]

    Forma literaria arcaica que se desenvolveu entre os antigos habitantes de Grecia. Segundo as escasas fontes localizadas, tratouse dunha literatura oral composta principalmente por cancións de temática bélica, referencias a colleitas e ritos funerarios de carácter relixioso e máxico. A partir do II milenio a C pasou a incoporarse á literatura grega.

Palabras veciñas

miceliano -na | micelio | Micenas | micénico -ca | Micerinos | micet(o)- | micetemia