micoloxía

micoloxía

(< mico- + -loxía)

s f [BOT]

Parte da botánica que se dedica ao estudo dos fungos. Os estudos clásicos parten dos traballos de J. C. Schaeffer (1718-1790) e de P. Bulliard (1752-1793). Elias Magnus Fries (1794-1878) puxo as bases da taxonomía moderna. A micoloxía diversificouse moito, e nela destacan Rolf Singer, A. von Arx, C. S. Alexpoulos e F. K. Sparrow no estudo dos fungos acuáticos e R. W. G. Dennis e R. P. Korf no dos ascomicetos. En España cabe destacar as achegas de Telesforo de Aranzadi (1860-1945), Blas Lázaro Ibiza (1858-1921) e Romualdo González Fragoso (1862-1928). En Galicia os primeiros pasos en micoloxía deunos o botánico M. P. Colmeiro, que durante o s XIX fixo unha recompilación de citas sobre macromicetos, pero non foi ata o s XX, durante as décadas de 1940 e 1950, cando se iniciaron os primeiros estudos de carácter científico na Universidade de Santiago de Compostela. Durante esta etapa creouse o Centro Rexional de Ensinanzas e Investigacións Forestais de Lourizán, que tivo moita importancia no estudo e difusión da micoloxía en Galicia e que en 1979 organizou a I Semana Micolóxica de Galicia. OBS: Tamén se denomina micetoloxía.