micrófono

micrófono

(< micro- + -fono)

s m [FÍS/TECNOL]

Transdutor electroacústico que ten por misión transformar as ondas acústicas (correspondentes á vibración de partículas de aire) en ondas eléctricas. Ideado por David Hughes, os primeiros tipos destinados a transmitir a palabra foron constituídos por Elisha Gray e Graham Bell. Segundo a súa resposta en función da dirección das ondas acústicas, os micrófonos poden ser omnidireccionais e direccionais; entre estes últimos existen os micrófonos unidireccionais e os bidireccionais. Nalgúns tipos de micrófonos a curva polar de resposta corresponde a unha curva xeométrica coñecida, e destacan os de cardioide e hipercardioide. Segundo o principio do seu funcionamento poden ser de carbón, electrostáticos, piezoeléctricos, electrónicos, magnéticos e de magnetostrición. O micrófono de carbón baséase na variación da resistencia de contacto entre uns grans de carbón e unha membrana metálica que vibra directamente pola acción do movemento vibratorio do aire. Estas variacións de resistencia eléctrica producen unhas varicións de corrente, que se converten en variacións de tensión. Así, obtense un sinal eléctrico equivalente ao son. Estes micrófonos soamente responden a unha gama de frecuencias comprendidas entre 100 e 4.000 Hz; son correntes en telefonía. O micrófono electrostático, denominado tamén de condensador, baséase nas variacións de capacidade eléctrica dun condensador formado por unha placa metálica ríxida, paralela a outra placa, tamén metálica, tensa e moi fina. As dúas superficies planas forman un condensador de capacidade variable, en función do movemento da membrana ou placa fina. A variación de capacidade transfórmase en diferenzas de tensión eléctrica. Existe un modelo constituído por un transistor de tipo FET que se emprega en magnetófonos de casetes. O funcionamento do micrófono electrodinámico baséase na forza electromotriz que se crea nun conduto móbil dentro dun campo magnético. Este condutor pode ser unha bobina, denominándose micrófono electrodinámico de bobina móbil, similar ao altofalante electrodinámico, ou ben con forma de cinta, denominándose micrófono de cinta. O micrófono piezoeléctrico, tamén denominado de cristal, baséase, en canto ao funcionamento, na particularidade que teñen certos cristais de formar campos eléctricos cando se someten a presións mecánicas. É un micrófono apto para frecuencias ultrasónicas. O micrófono electrónico consta dunha membrana, en contacto mecánico cun eléctrodo dun compoñente electrónico activo que fai vibrar un eléctrodo; a corrente varía co movemento da membrana. O micrófono magnético funciona segundo o principio de variacións de relutancia dun circuíto magnético, as que dan, a través dun núcleo magnético, unha tensión aos extremos da bobina. O micrófono de magnetostrición é unha aplicación da propiedade que teñen certas aliaxes ferromagnéticas de modificar a súa estrutura interna cando se someten a campos magnéticos. Está indicado para frecuencias hipersónicas e ten aplicacións submarinas. OBS: Tamén se denomina micro.