microprocesador
(< micro- + procesador)
Dispositivo electrónico constituído por un circuíto integrado extraordinariamente complexo, que fai de unidade central dos microordenadores, proporcionando o control das operacións de cálculo. A súa función, por tanto, é análoga á da CPU (unidade central de proceso) dun ordenador. Tamén se utilizan noutros sistemas informáticos, como impresoras, automóbiles ou avións. Incorporan máis de 10 millóns de transistores (que actúan como amplificadores, osciladores ou conmutadores), ademais de resistencias, díodos ou condensadores. O microprocesador, foi ideado en 1971, desenvolveuse para unha calculadora, era de 4 bits e moi revolucionario para a súa época. En 1978 aparecen os de 16 bits e, despois, os de 32 bits, para aparecer en último lugar os de 64 bits. A función principal do microprocesador é a de recibir datos en forma dunha serie de díxitos binarios, facer operacións aritméticas e lóxicas con estes datos de acordo coas instrucións previamente almacenadas, e dar, posteriormente, os resultados ao usuario mediante o elemento de saída. Nun microprocesador diferéncianse os seguintes elementos: a unidade de descodificación e control que descodifica os programas; a unidade aritmética e lóxica (ALU) que efectúa cálculos con números e toma decisións lóxicas; os diferentes rexistros que son zonas de memoria especiais para almacenar información temporalmente; un acumulador; as memorias intermedias de dirección e os separadores de entrada-saída. A conexión do microprocesador con outros circuítos do ordenador realízase mediante os buses de dirección, datos e control. O bus de dirección permítelle ao microprocesador seleccionar a posición da memoria á que se vai a acceder, o bus de datos permite recibir e enviar ordes doutros dispositivos do microordenador. Para manexar o microprocesador hai un xogo de instrucións; a escritura do programa faise mediante a linguaxe ensambladora. Os microprocesadores máis complexos teñen incorporada unha memoria caché que acelera o acceso aos dispositivos externos de almacenamento de datos; ademais poden empregarse outros elementos de memoria combinados co microprocesador, como a memoria RAM.