mil e unha noites, As
Escolma de contos escritos en árabe, datada entre os ss IX e XV, que circularon oralmente entre os ss IX e X. Desenvólvese a partir da historia dun rei que mata doncelas por consideralas aburridas, ata que unha delas, Sherezade, consegue manter a atención do monarca contándolle unha historia diferente cada noite. Seguindo o estilo das antigas coleccións orientais, incluíu narracións propias da contística india (O mercador e o xenio), iraniana (Qamar al-Zamān e a princesa Budūr), do antigo Exipto, grega e hebrea (conto de Šamasp e Šansah). O reducido marco xeográfico en que se desenvolve a acción contrasta co gran número de personaxes e acontecementos que teñen lugar. Os xéneros literarios empregados son numerosos e variados, como as historias de tipo fantástico, lendas, novelas, contos didácticos, humorísticos ou fábulas. De todas elas, as de máis transcendencia foron Sindbad o mariño, de influencia persa, Aladino e a lámpada máxica e Alí Babá e os corenta ladróns, de influencia turca. O contido da obra, previa censura dalgúns aspectos da mesma, chegou a Europa a través dunha edición (1704-1717) realizada polo autor francés M. Galland.