1 millo
(< lat mĭlĭu ‘millo miúdo’)
-
[PLANTA]
-
s
m
Planta herbácea anual, monoica, de entre 1 e 4 m de altura. Ten raíces fasciculadas, talo cilíndrico, e follas anchas e lanceoladas de ata 12 cm. As flores están dispostas en inflorescencias situadas, tanto as masculinas como as femininas, no mesmo pé. As masculinas son as primeiras en desenvolverse e están dispostas en acios de espigas, de cor amarelado; e as femininas agrúpanse en espigas biflorais que se ordenan nun certo número de ringleiras sobre un eixe. O froito é cariópside, de forma, cor e tamaño diverso, segundo as variedades de millo, e disponse en fileiras ao longo dun eixe, formando a mazaroca. É unha planta orixinaria de América Central, probablemente do S de México; a súa orixe podería estar nun antecesor descoñecido con dous pares de cromosomas que, ao hibridarse con algunha planta do xénero Tripsacum, daría lugar ao xénero Euchlaena, o máis semellante ao millo actual. Ao hibridarse novamente co suposto antepasado daría lugar ás variedades máis recentes do millo. En 1920 D. F. Jones obtivo híbridos dobres de millo cruzando dous híbridos simples que resultaron moi produtivos. Entre 1934 e 1936 comezaron a difundirse comercialmente as variedades de millo híbrido dobre en EE UU e, posteriormente, no resto do mundo. A obtención de millo representa unha das grandes conquistas da xenética moderna. Só se coñecen variedades cultivadas de millo e non existen datos sobre os seus antepasados silvestres, antigamente estas variedades obtíñanse mediante diversos métodos de selección, mais agora deixaron paso á utilización da enxeñaría xenética para obter plantas melloradas contra as pragas. Existen no mundo numerosos centros de investigación para intentar mellorar o cultivo do millo e estudar que variedades son máis produtivas. Un tipo de millo xa se cultivaba en Galicia desde a época castrexa, antes de que chegase desde América o novo. Nese momento, o autóctono (Panicum miliaceum) pasou a denominarse millo miúdo e o americano millo. Este novo millo foi introducido en Galicia a principios do s XVII na Mariña Lucense, e empezou a estenderse o seu cultivo a partir de 1630 polo litoral da provincia de Pontevedra, cun sistema agrario intensivo. Este descubrimento foi moi beneficioso para o campesiñado xa que, fronte ao centeo, tivo unha produción superior e un ciclo máis curto entre a primavera e o outono. Ademais, recuperáronse as peores terras e incluíuse nas rotacións ata que chegou a substituír ao trigo. O crecemento da poboación nos ss XVII e XVIII foi posible grazas a este cereal. O millo é, probablemente, o cereal co maior número de variedades, e por isto puido adaptarse a todo tipo de condicións climáticas. O seu cultivo esténdese desde preto dos 60° de latitude N (Canadá) ata o ecuador, e desde zonas situadas baixo o nivel do mar (depresión do Caspio) ata preto de 4.000 m de altitude (Andes peruanos). O punto óptimo de crecemento deste cereal é, cun réxime de días longos e soleados, unha temperatura media estival duns 24°C e non inferior a 19°C, e pluviosidade duns 500 mm anuais. Adáptase ben a todo tipo de solos, sempre que non sexan excesivamente húmidos, arxilosos ou ricos en sales tóxicos, pero ten preferencia polos solos ricos en materia orgánica, e é moi sensible ás deficiencias nutritivas. A época de semente pode variar segundo o clima, a variedade utilizada e a alternacia dos cultivos; esta lévase a cabo, xeralmente, desde mediados da primavera ata mediados do verán, de abril a xullo no hemisferio norte. As principais pragas e enfermidades do millo veñen provocadas polos fungos, como Pucinia sorghi, Ustilago maydis (caruncho), e outros como Fusarium, Gibberella ou Diplodia, que producen o podrecemento das raíces. Outras pragas son os insectos, como os pulgóns, sobre todo as súas larvas, ademais de lesmas. O millo está composto por un 60-70% de amidón e azucres, ata un 8% de materia graxa, un 10% de proteínas, e o restante son minerais, augas e celulosa. O millo emprégase a grande escala como alimento para o gando e constitúe un dos principais compoñentes dos pensos compostos como fonte de carbohidratos e de caroteno (provitamina A); pode ser utilizado verde, como forraxe, ou seco. Como alimento humano, pódese utilizar todo o gran, de calquera cor e tipo pero, nutritivamente falando, é pobre en aminoácidos esenciais, como o triptófano ou a lisina, polo que unha dieta baseada só en millo provoca a aparición de certas enfermidades de tipo carencial, polo que se aconsella acompañalo con legumes ou proteínas de orixe animal para conseguir un equilibrio nutricional. Por outra banda, a graxa que contén axuda a baixar os niveis de colesterol, e ao carecer de glute é moi axeitado na alimentación infantil e para celíacos. A elevada porcentaxe de contido en amidón, fan do millo a primeira materia en importancia para a fabricación de xaropes de glicosa (glicosa líquida). Outro uso deste cereal é na industria dos grandes muíños de sémola de millo, enfocados principalmente á obtención de produtos para o consumo humano e para a fabricación de cervexa. Os subprodutos da industrialización do millo (farelo, xerme, glute e fariñas baixas) son aproveitados para as industrias de alimentación animal. Ten aplicacións industriais, ademais das alimentarias, como a obtención de amidón, aceite, dextrosa, dextrina, ácido láctico, glicosa e alcohois. En Galicia a utilización do millo é principalmente para a alimentación do gando, e unha mínima parte utilízase en repostaría. O millo é o terceiro cereal en volume de produción (tras o trigo e o arroz), e o primeiro polo seu uso forraxeiro. A produción do millo non deixou de aumentar ao longo do s XX, a causa, sobre todo, da implantación progresiva das variedades híbridas. En Galicia, a produción e a superficie de cultivo de millo é maior no N. O cultivo de cereais supón o 4% do sector agrícola galego, e de entre todos os cereais gran, o millo supón máis do 50% da produción, seguido polo trigo e despois polo centeo. A maior parte do millo obtido utilízase no autoconsumo e reemprego, para alimentación animal e obtención de sementes. OBS: Tamén se denomina maínzo.
-
millo amarelo/graúdo
Millo que ten o gran grande e de cor amarela.
-
millo apicharado/pego
Millo co gran de varias cores.
-
millo barbeito
Primeiro millo que se sementa.
-
millo branco
Millo que ten os grans brancos e a mazaroca grosa.
-
millo centeeiro
Millo que se bota na terra onde se recolleu o centeo.
-
millo colorado
Millo de grans vermellos. OBS: Tamén se denomina millo conde, millo rei, millo reino ou millo rubio.
-
millo das restrollas/restebado
Millo que se sementa despois de recoller o trigo.
-
millo de cedo/temperán/tremesiño
Millo que madura axiña.
-
millo do gado
Millo de grans brancos e vermellos.
-
millo escaleirado
Millo con alternancia de partes con gran e partes sen el.
-
millo falso
Millo desprovisto de gran.
-
millo forraxeiro
Millo que se emprega para a forraxe dos animais.
-
millo frade
Millo que ten o gran cunha especie de raias.
-
millo mouro/negro/do país
Millo que ten a mazaroca de gran negro ou de cor moi escura.
-
millo orxo
Millo de mala calidade, porque foi sementado entre o orxo e a cebada.
-
millo serodio/tardío
Millo que se recolle á entrada do inverno.
-
millo veado
Millo de grans mouros no medio dos de cor normal.
-
s
m
-
s
m
Gran da planta do millo.
-
millo do patexo
[ZOOL]
Ovos de cangrexo.
-
millo miúdo/dos paxaros
[PLANTA]
Planta herbácea, de entre 30 e 120 cm de altura, de talo erecto e robusto, follas anchas, planas e pilosas, flores agrupadas en panículas, e grans pequenos, redondos e de cor amarela. En Galicia cultívase desde a época castrexa, pero a introdución do millo durante o s XVII desprazou a este cereal, que pasou a denominarse millo miúdo. O seu cultivo é escaso en Occidente, agás na antiga URSS, onde o seu cultivo aínda é importante, e converteuse nun cereal moi cultivado en África ao non requirir cantidades grandes de auga para sobrevivir e tamén se cultiva nalgúns países asiáticos, como China, India ou Corea. A maior parte da produción de millo miúdo é utilizada nos países menos desenvolvidos. Este cereal emprégase principalmente en alimentación humana, en pensos, nunha porcentaxe mínima comparada coa alimentación, na preparación de bebidas alcohólicas e como sementes. O seu consumo resulta beneficioso, pois mantén a fluidez do sangue, e como ademais ten un alto contido en vitamina A e en fósforo, magnesio e ferro, resulta tamén beneficioso para a rexeneración celular, o bo estado da pel e mucosas, e para compensar o esforzo mental.
-
pan de millo
Pan feito con fariña de millo.
Frases feitas
-
Botarlle millo aos paxaros Facer algo do que non se saca ningún proveito.
Refráns
- Lavada, ¡ós tres días nada! -díxolle o millo á liñaza e contestou ela: Nugallón, ¡un mes baixo do terrón, e inda se vou ou non!.
- Lavada, ¡ós tres días, nada! -díxolle o millo á liñaza; e ela repondeu: ¡Nugallón, un mes debaixo do terrón, e inda se vou ou non!
- Nin millo engrolado nin millo queimado.
- O millo mesto, no cesto; o millo raro, na leira e non no carro.
- O millo polo san Marcos, nin nado nin no saco.
- O millo rascado enche a cesta e o ferrado.
- O primeiro millo é dos paxaros.
- Se o millo fose pouco, mudalo dun saco noutro -dixo a galiña cando falou.