Mina da Parxubeira
Mina da Parxubeira
Dolmen situado en Mazaricos, incluído dentro dun conxunto funerario formado por catro mámoas, coñecidas tamén como dolmens de Corveira, escavado entre 1977 e 1984. Este dolmen, o de maior importancia da necrópole, está composto por unha cámara poligonal sen tampa, da que só se conservan as laxes do lado N e un corredor curto con cuberta. Consérvase parte do túmulo e da primitiva coiraza. Os achados máis importantes do xacemento foron catro estelas antropomórficas e varios ídolos (un deles presenta decoración) localizados na fronte do corredor, na periferia do túmulo, e un enxoval composto por fragmentos de cerámica campaniforme, láminas de sílex, unha aixada, unha punta de frecha e unha aixola.