mineral
(< lat tardío minerāle)
-
adx
Relativo ou pertencente ás substancias naturais non orgánicas, ás súas partes e ao seu conxunto.
-
s
m
[MINERAL]
Sólido homoxéneo e de composición química definida, que se forma na natureza por un proceso inorgánico e que posúe unha estrutura ordenada dos átomos e das moléculas que o constitúen. A condición de sólido natural é esencial; no laboratorio é posible reproducir a maioría dos minerais, pero neste caso denomínanse sintéticos. O feito de ser un sólido homoxéneo indica que hai unha soa clase de substancia constituínte, que non pode descompoñerse noutras máis simples por procedementos físicos. Cómpre diferenciar entre composición química definida e fixa, xa que a fórmula de moitos minerais ten unha certa marxe de variación. Finalmente, o feito de teren unha estrutura ordenada dos átomos indica que os minerais son sólidos cristalinos.
-
s
m
Parte dun xacemento mineiro empregada como materia prima para a extracción dun metal.
-
elemento mineral
[BIOL/QUÍM]
Elemento que pertence ao campo da química inorgánica que intervén no metabolismo animal e vexetal de xeito imprescindible. Os elementos minerais, xunto coa auga, interveñen na mineralización dos ósos e cartilaxes, na regulación da presión osmótica dos líquidos orgánicos, do equilibrio ácido-base e de procesos encimáticos, e na formación de substancias de importancia biolóxica. Clasifícanse en plásticos (calcio, fósforo, magnesio e xofre), electrólitos (sodio, potasio e cloro), orgánicos (ferro e iodo) e oligoelementos (bromo, flúor, boro, silicio, níquel, cobalto, cinc, cobre, manganeso e vanadio).